Opinión

O con/texto

Unha das primeiras cousas que aprendín da miña profesión e que case constitúe unha broma profesional recorrente é que nada é interpretable sen o seu contexto. Cando alguén pregunta a unha tradutora unha palabra noutro idioma, o primeiro que contestamos é: dáme o contexto. Sen obter unha imaxe o máis completa posible, non podemos tirar sentido de palabras, frases ou parágrafos soltos.

Por veces teño a sensación de que vivimos un momento no que temos precisamente iso, palabras, frases, imaxes, parágrafos soltos. Falta quen dea unha visión máis completa, pausada e construída colectivamente das cousas. Tanto ten que falemos do acto de amosar as tetas de Amaral ("tanto vestirse como espirse son cousas patriarcais", di Mercedes Peón, diáfana neste sentido, pois sen contexto todo pode ser convertido en calquera cousa), das decisións da alcaldesa de Compostela de non asistir a unha misa rancia, da homofobia informativa... semella que canto máis se derrúe o contexto, máis campo ten a desinformación.

Algúns medios de comunicación, coa súa inmediatez e teima de contar en contra das recomendacións dos códigos deontolóxicos, en contra do sentido común que impediría tanto salvador branco polo mundo e nos daría unha visión dende os lugares máis axustada e plural, fan a súa parte. Ao final, acabamos con moitos datos e moi pouca capacidade para interpretalos.

Mais non escribo isto dende a nostalxia, nin moito menos para revivir a idea de que "o contexto" é o que certos homes e algunhas mulleres con autoridade queren impoñer como visión hexemónica do mundo. O contexto sempre se constrúe dende a multiplicidade de voces, a interacción e a conciencia de posición. As tradutoras traballamos con textos paralelos, con memorias de tradución construídas por humanas coa axuda de máquinas, co contraste das nosas lecturas coas doutras. O contexto, se cadra, é un piar fundamental dos conceptos de comunidade que por momentos pasa moi desapercibido.

O piar que nos lembra que o coñecemento non é construído por loros que repiten e rechían sen entender. Que require tempo, esforzo, silencio e escoita. E que contra a enxurrada incesante de temas impostos e opinións que non pasan do titular, cómpre unha experiencia máis pausada das cousas que para moitas é un luxo inalcanzable. Mais sen ese "con" a acompañar o texto, coma pedras que se erguen no mar para indicarnos en que sentido navegamos, carecemos de rumbo.

Comentarios