Opinión

No nome do pai

A guerra que se libra contra as mulleres e menores na nosa sociedade semella non cesar. Resulta indignante escoitar lamentos mentres se fai espectáculo das vítimas, se grada a importancia dunhas e doutras, se inventan nomes para o que claramente é violencia de xénero. Nun momento onde se reforza non só o discurso da extrema dereita, senón un afán negacionista desta (vímolo claramente co paratexto que rodeou a docuserie sobre Rocío Carrasco a quen lle debemos xa, por certo, o uso xeneralizado de “violencia vicaria”), cómpre ir máis que nunca ao fondo das cousas.

Cando as feministas falamos da necesidade de revisar o amor, non só nos esforzamos en dar a ver os mitos do amor romántico como produtores de violencia (ciumes, posesión, dominio dos homes fronte a submisión e calidade de obxectos das mulleres), senón que chamamos por unha formulación aínda máis radical: para desfacer as raíces da violencia de xénero cómpre desfacer as raíces da sociedade mesma, das estruturas familiares heteropatriarcais. Son estas as que levan a que o sistema xudicial siga pensando por defecto que unha crianza debe ter un pai e unha mai, e polo tanto que iso está de facto por riba do interese da menor. Tamén, que os homes en xeral e os pais en particular son figuras de protección, digan o que digan as probas e as vítimas. Estes días escoitabamos que o asasino machista Tomás Gimeno non merecía o nome de pai e velaí está o problema. Porque ser pai (ou mai) en si mesmo non significa nada.

É o contido social que se lles apón a estes substantivos o que determina as estruturas de violencia nas que os homes se cren con dereito a usar a mulleres e menores ata o punto de consideralas unha propiedade á que teñen dereito a usurpar ata a vida. Destruír e reconstruír a familia é un proxecto radical que non debemos perder nunca de vista. Porque son eses contidos os que, ademais, impiden que mulleres e menores entendamos cales son os perigos reais. De ser así, seguramente a outra menor asasinada, Rocío Caíz, estaría con vida. Cómpre que nos protexamos e protexamos a outras, só vendo o temos diante dos ollos: non, non son “bos pais”. Non, non son “bos veciños”. Moito menos son “tolos” (disto xa falei noutras ocasións). O único que se cadra si son é “homes exemplares”. Exemplos do que significa a masculinidade dentro do heteropatriarcado e a punta do iceberg do que, como sociedade, toleramos no nome do pai.

Comentarios