Opinión

Negar, no canto de facer

A miúdo atopo en conversas formais e informais o tropo do "menor racismo" galego contra o doutros lugares do estado español. Está claro que a manifestación do racismo é diferente en lugares diferentes. Tamén é innegable que a convivencia con persoas de orixe estranxeira é menor en Galicia ca noutros lugares. Mais o que non se pode negar é que Galicia é un lugar tan racista coma calquera outro.

E non, a nosa "experiencia de migración" non nos fai máis sensibles a quen vén de fóra (mencionamos a infamia da instrumentalización do holocausto para crear vítimas palestinas?), a experiencia da túa persoa, vese unha e outra vez e cómpre repetilo, non te fai máis sensible ao sufrimento alleo. Se así fose, as mulleres nunca apoiarían a agresores, as persoas LGBT+ non serían racistas e a comunidade budista (expulsada do seu lugar de orixe, o que sería logo a India) de varios países de Asia non asasinaría minorías en canto son maioría hexemónica.

Así que non, cómpre moverse desas verdades adquiridas para poder solucionar un problema que afecta as persoas racializadas de maneira tanxible cada día. Abráiame o nivel de violencia que provoca abrir este debate, as reaccións iradas ante cousas que son evidentes (que Galicia leva construíndose como unha nación branca moito tempo, que nos negamos a escoitar e a interrogar as complicidades con dous poderes imperiais, a falta de un!), sobre todo porque se producen negando sistematicamente o que as mozas adoptadas de Etiopía, as activistas xitanas, as compañeiras migrantes nos explican unha e outra vez: o control policial, os comentarios denigrantes, a discriminación directa no emprego, nos estudos, na vivenda. Acabámolo de ver nas reaccións a feitos tan aparentemente distantes como unha moza con raíces sirias á que se lle nega un alugueiro en Vigo e a reacción á vitoria de Marrocos nesa trapallada que é o negocio do fútbol internacional.

O máis triste de todo isto é que, nesa perda de tempo en negar o evidente, perdemos a oportunidade de forxar alianzas e crear un espazo compartido no que poidamos traballar dende outros valores, no que valorando as linguas alleas aprendamos a valorar a propia, no que amosando un interese polos contextos das nosas Outras entendamos tamén o noso dende unha maior complexidade. Nun momento de avance sen cancelas do fascismo cómpre máis que nunca mirar para dentro para poder tender realmente a man cara a fóra.

Comentarios