Opinión

Mínimo común múltiplo

Admito que non son nada mitómana. Admiro moitas persoas coñecidas e moitas máis "non coñecidas", mais sempre dende un san respecto humano. Aínda así, por veces non podo evitar que certas figuras me provoquen tal admiración ata o punto de volverme retraída na súa presenza. Pásame isto, por exemplo, con Susana Rodríguez Gacio. A ouro olímpica en tríatlon e mais eu cadrabamos con frecuencia no ximnasio antes da pandemia, onde ela ía nadar. Ou pola rúa, eu a pé e ela na bici, ou correndo. Mesmo volvín sentada ao seu carón nun voo ata Vigo. Unhas semanas antes de Ledicia Costas e mais eu inaugurarmos as "nosas" escaleiras do CEIP de Laredo, en Redondela, ela estivera alí falando coa cativada. Nunca me atrevín a dicirlle nada, pero é certo que me admira a súa resistencia non só física, senón tamén persoal. Dende que apareceu na revista Time parece que o foco de atención comeza a poñerse sobre unha muller que leva toda a vida superando obstáculos con competencia e bo humor. E sen calar a boca. 

É doado esquecer cando as persoas soben a un podio as dificultades que tiveron que aturar ata chegar a el. Por exemplo, a falla de apoios, como cando despediron o seu adestrador. Tamén é doado esquecer que, cando baixan do podio tanto Rodríguez Gacio como o resto de persoas con discapacidade, ou as atletas racializadas, atopan unha sociedade na que non só cómpre saber nadar, correr e andar en bici. Esa sociedade chea de prexuízos e obstáculos creámola cada unha de nós cada día. Por exemplo, en tempos de coronavirus, cando as cousas non se poden tocar, cando as caras van cubertas, cando hai normas extraordinarias as vidas das persoas cegas, xordas ou das que amosan diversidade cognitiva ou sensorial fanse moito máis difíciles.

Na nosa man está contribuír a que sexan máis fáciles. Porque ao final todo se resume a ter unha visión máis global da sociedade, algo máis doado se as propias persoas forman parte dos organismos de toma de decisión. No canto de medir todo por quen máis privilexio ten, habería que construír dende o mínimo común múltiplo. Porque para calquera que vexa, oia e ande a dúas pernas non supón ningún problema habitar un mundo onde se constrúa para quen ten outras conformacións físicas, cognitivas ou sensoriais. Tan sinxelo e tan complicado coma iso; mais se Rodríguez Gacio completa un tríatlon, malo será que o resto non deamos feito esforzos diarios ben máis pequenos.

Comentarios