Opinión

A memoria de nosoutras

Dende sempre sei que miña mai tiña o hábito de escribir diarios. É unha das cousas que non tivemos en común en sentido estrito, seguramente porque a miña escrita entra na dimensión pública; en teoría, o antagónico dos diarios. Mais isto non quere dicir que estes segundos teñan menos relevancia para o corpo social, sobre todo cando son escritos por mulleres.

A liña que separa a escrita de diarios da escrita de ficción sempre me semellou incómoda e patriarcal: reforza elementos do público/privado verdadeiramente difíciles de asimilar, como separar a Historia dos Homes das historias das mulleres. Os primeiros, a determinar o relevante. As segundas, relegadas a unha nota a pé de páxina.

As mulleres, tanto anónimas como as que ocupamos o espazo público, somos axiña esquecidas. O relato do mundo sería ben outro se as nosas historias ocupasen o lugar central que merecen. Por iso, aquelas que rescatan os nomes, que inscriben nos libros as nosas vidas, teñen un lugar especial na construción dunha sociedade cun imaxinario diferente. Este ano, na Sega dedicamos o Día das Galegas nas Letras a Aurora Marco, unha desas mulleres que nos devolven a dignidade, os feitos e os nomes; mulleres que crean elos entre as de antes e as de agora, que ofrecen explicacións complexas do presente e que buscan fuxir das haxiografías. O 15 de agosto celebraremos en Ribeira que as mulleres coma Marco dedican a súa vida a moldear a nosa liberdade cos seus difíciles traballos. Xa non só porque resulte complicado o acceso a arquivos, memorias e si, diarios, senón porque desprazar o discurso hexemónico patriarcal con feitos e determinación é un proceso de oposición permanente no que cómpre exercer moita forza.

Agora que non está, atrevinme a abrir un diario da miña mai. Un que escribiu para o meu irmán e para min. Ademais do engaiolante do seu xeito de narrar, do carácter vivo da letra propia, o que alí narra é a historia dunha época, dun Lugo que volve á vida nas súas palabras. Ela, como todas as mulleres que narraron a súa vida ou as vidas alleas, seguimos exercendo forza contra a hexemonía, agardando que algunha Aurora Marco, nalgún momento, nos recolla con coidado nas súas mans para entregarnos á dignidade á que pertencemos. Ese respecto e agarimo merece a memoria de nosoutras, privada e pública, que tan poucas veces se nos outorga e á que todas, tamén dende as nosas casas, podemos contribuír.

Comentarios