Opinión

Mecanismos ante o inaceptable

A semana pasada asistía á Romaría de San Roque en Vigo cando un home borracho e foráneo decidiu poñerse a berrar, asubiar e protestar durante unha das actuacións das bandas de música que dan o seu carácter popular e cálido a esta fantástica festa. Segundo el, esta música é mala porque "estos están todos muertos".

Logo avanzou na súa estratexia de ataque: púñase a carón de alguén e comezaba a dicir cousas como que había que poñer unha bomba ou a min, en particular, "a las mujeres barbudas también las matamos". O seu comportamento buscaba o altercado, a chamada de atención, a liorta. Colectivamente, as persoas presentes démoslle o contrario do que procuraba exercendo un mecanismo pedagóxico.

Aínda así, este home non desistiu e, se ben con menor intensidade, seguiu facendo uso dos asubíos ata que unha muller, cun marabilloso galego de Vigo, lle indicou que tiña interese en escoitar as bandas, que calase dunha vez. "Pero eso es música?". Si, contestou ela firme. Xusto nese momento apareceu o persoal de seguridade do recinto.

A anécdota amosa como certos comportamentos que dende fóra poden parecer pasivos, na nosa cultura teñen outra raíz e significado. Neste momento de turismo masivo no que durante este mes podería narrar situacións infinitas de mala educación, comportamentos abusivos e maltrato a persoal de servizo na hostalería, nos medios de transporte ou simplemente na rúa, hai un patrón que se repite: a educación como resposta. Esa da que logo falan tiktokers por aí.

Mais se cadra esas tiktokers están perdendo o principal: non é que en Galicia a xente sexa moi educada (hai de todo, como en todas partes), o que pasa é que se cadra non reaccionamos da mesma maneira ante interaccións inaxeitadas, coma a deste señor no San Roque. A nosa amabilidade é unha maneira de facerlle ver á outra persoa que o que fai é inaxeitado. Iso, por certo, é algo que aprendemos nos usos lingüísticos e na cultura ancestral que nos precede e que, como a lingua, se vai perdendo para sermos un lugar cos mesmos mecanismos estúpidos de escalada agresiva de calquera outro sitio.

Os nosos son os mecanismos do coidado colectivo e da pequena escala que agora precisan levarse á grande escala para evitar sermos invadidas cada ano pola barbarie: dende as taxas turísticas a unhas instancias gobernamentais que se centren máis nas persoas que vivimos nos lugares que naquelas que veñen de visita.

Comentarios