Opinión

Máis que palabras

Nos máis de vinte e cinco anos que levo traballando como intérprete, nunca deixa de sorprenderme o desprezo que pode amosarse polo noso traballo. Os últimos días, ao fío do acto de xustiza que constitúe "permitir" o uso de todas as linguas oficiais no Parlamento, superouse o nivel.

Nos meus máis de vinte e cinco anos como intérprete tiven que comunicar a unha filla o falecemento do pai, a un home a súa prisión preventiva; tiven que mediar en tensas negociacións sindicais, en comités de investigación, en encontros científicos; tiven que facilitar operacións cirúrxicas ou a testemuña de mulleres vítimas de trata, entre moitas outras circunstancias. Como é evidente, en ningún deses casos o que se comunicou foron "só palabras". As linguas, ademais, son o dereito a non ter que renunciar a algo fundamental para poder acceder a espazos de cidadanía básica, como a representación política.

A comunicación humana é un acto complexo e o motivo polo cal existimos profesionais cualificadas para mediar nela. E por suposto que sería fundamental que dentro do Estado español se promovese o coñecemento de todas as linguas en todos os territorios. Mais pensar que podemos comunicarnos en contextos formais e profesionais porque "entendemos" unha lingua de xeito moi superficial é un erro tremendo.

Acontece seguido co inglés nos negocios: a imaxe de profesionalidade tamén forma parte do que se traslada. Unha persoa falando inglés deficiente nun contexto profesional perde totalmente parte da forza da súa mensaxe. O mesmo, de feito, lles pasa aos políticos galegos como Rueda ou Feijoo cando tentan falar galego e dan dor de oídos, mais parece que neste caso as consecuencias que isto lles pasa son menores porque, como ben demostraron, nin a eles nin aos seus votantes a lingua lles importa un carrizo.

Mais se hai algo que fica inalterable en todo isto é que o traballo das intérpretes é fundamental. O desprezo do "pinganillo" é o desprezo a unha profesión complexa e importante. Unha profesión, por certo, que por todos estes motivos que expoño, tampouco se pode transferir ás famosas intelixencias artificiais, porque nada hai de artificial na linguaxe humana. Porque traducir e interpretar é moito máis que palabras e porque as persoas merecemos podermos falar as unhas coas outras con garantes e no exercicio pleno da nosa cidadanía. E iso só pode conseguirse mediante o traballo das profesionais.

Comentarios