Opinión

Interseccións e diverxencias

Hai un tempo fun convidada por unhas compañeiras feministas euskaldunas a falar da hexemonía(s) lingüísticas para analizar como manter un movemento feminista fondamente enraizado no éuscaro, mais no que tamén tivesen acollida mulleres migrantes.

O equilibro entre os dereitos lingüísticos propios e os das persoas que chegan doutros lugares resulta un asunto complexo. Primeiro, porque en moitos casos o único que une as persoas migrantes é a ollada branca da sociedade que as recibe, nunha perigosa "totalización". É só dende esta óptica que se explica a aparición de termos como "mulleres musulmás", que se ben pode ser utilizado polas activistas como eixo de intersección, dende a cultura hexemónica reforza estereotipos absurdos (que teñen que ver unha muller musulmá de Etiopía con unha de Afganistán? Por que non existe "mulleres cristiás" para referirse ás mulleres de Europa de xeito xenérico?). Cómpre tamén prestar atención ao que Gayatri Spivak denomina a "informante nativa", persoas concretas de grupos oprimidos que á hexemonía lle resulta doado, por diferentes motivos, escoitar.

Nun contexto coma o galego, onde a visión maioritaria da poboación con respecto á lingua é negativa, non sorprende que persoas que veñen de fóra, sobre todo aquelas que teñen o castelán como primeira lingua e que comparten a mesma mentalidade de homoxeneidade lingüística instaurada polos españois, usen o argumento de que querermos manter espazos en galego é discriminatorio.

Por suposto que é responsabilidade das activistas do galego actuar con empatía e tentar explicar a nosa situación de discriminación colectiva dentro do estado, sen esquecer a posición de poder que temos con respecto a persoas migrantes. Tamén é responsabilidade nosa, na idea da solidariedade feminista de Chandra Talpade Mohanty, que fala de buscar as interseccións cun interese detallado nas historias e contextos, interesarnos de xeito máis complexo polas nosas outras.

Só así atoparemos eses puntos de confluencia entre as nosas historias colectivas con quen sexa posible e deixaremos ir con empatía a quen non pode nin vai conectar nunca con formas de activismo que parten da diversidade lingüística e do coñecemento mutuo.

Comentarios