Opinión

Igual, diferente

Parece que o tempo non pasa para certas cousas. Hai xa bastantes anos, algunhas compañeiras escritoras de Támil Nadu me pediran un artigo para dar un enfoque crítico a unha tendencia que detectaban na súa poesía: homes que escribían con voces e alcumes femininos porque segundo eles agora había que ser muller para gañar premios e publicar. En Galicia dende a explosión das poetas nos anos 80 é esta unha ladaíña que tamén escoitamos nas voces baixas con moita frecuencia. Homes que no canto de asumir o seu papel de facer críticas á masculinidade ocupan un lugar que a outras tanto tempo nos custou conseguir.

De feito, de sempre é sabido que un home que adopta na escrita a voz dunha muller é un xenio sen par, pois é quen de desentrañar os misterios deses entes confusos e estraños que se supón que somos as mulleres. Grazas a eses relatos fóronse construíndo os estereotipos que nos afogan ás mulleres non só de ficción, senón de carne e óso. E ás escritoras en particular, porque no noso caso poñer mulleres protagonistas é un detrimento, é dirixirse a un público nicho. O deles, proeza literaria.

Por iso moitas escritoras adoptan voces masculinas tanto nas personaxes como nas tramas, por exemplo, narrando novelas de misterio onde as vítimas seguen sendo adolescentes que se obxectualizan e sexualizan ou introducindo a dúbida nas voces das vítimas de agresións sexuais. Sempre penso que para iso era mellor deixar que sigan escribindo os señores, que xa teñen experiencia e tradición (da peor).

Recentemente este mesmo debate ampliouse tamén á introdución de personaxes LGBT ou racializadas na escrita de persoas heteros ou brancas. Non é que un home non poida escribir cunha muller de protagonista, ou unha persoa hetero dunha lesbiana, mais a atención crítica e a conexión cos discursos dos movementos LGBT e antirracistas debe ser incuestionable. Adoito, como lles pasa a certos escritores, gusta poñer en boca allea o que nos gusta escoitar para confirmar o noso propio discurso prexuizoso. É así que feitos que parecen iguais acaban sendo ben diferentes. Porque estes feitos non acontecen no baleiro, danse na desigualdade das estruturas de poder de xénero. Mentres que unhas traballamos por ocupar espazos, outr@s pretenden ampliar aínda máis o seu privilexio. Iso é o que fai que as de sempre sigamos igual: marcadas como diferentes nun universo no que só se permite a centralidade de certas voces.

Comentarios