Opinión

Hello!

Podería parecer que me despistei, mais non errei de idioma. O motivo deste título anómalo ten que ver coa reiteración estes días de xeito extremo dun fenómeno que hai tempo que me interesa: a aceptación de figuras, réximes e actividades aberrantes mediante o "branqueo" da prensa "rosa". Se o capitalismo funciona por sedución, non hai maneira máis doada de demostralo que interesándonos polo que acontece neses espazos deostados, asociados tradicionalmente ao feminino, como son os programas e a prensa do corazón.

Cousas tan ilóxicas e antediluvianas como a monarquía, os xeques do petróleo ou os touros reviven nas páxinas do papel couché con novas luces e case ningunha sombra. Esas vidas de glamour permiten non ter que mencionar que se cadra á Raíña Isabel II lle gustaba moito o palacio de Balmoral, mais que este está en Escocia, un lugar con aspiracións reais de independizarse desa rémora antiga do "Reino Unido". Xa non digamos desas imaxes de Irlanda do Norte onde hai que ter ben pouca vergoña para organizar actos de conmemoración dunha monarca que nada fixo máis que afogar a posibilidade dun mesmo pobo para habitar o seu espazo físico por dereito.

E que dicir do esquecemento de todas as atrocidades cometidas polo estado do que a monarca tan gabada estes días tivo a ben participar? Se o seu reinado foi longo, tamén o foron os acontecementos históricos nos que participou como cabeza do estado. Son poucos os recunchos do mundo onde non chegase o Imperio Británico, moito máis recente do que podería parecer grazas á colonización directa e á indirecta por medio da Commonwealth. Xa que dicir da imposición da lingua do imperio e duns valores de branquitude e moral que están na base de diferentes estados poscoloniais, ancorados en leis introducidas durante o dominio británico.

Se os medios comunicasen todas estas cuestións sen os traxes, sen as figuriñas simpáticas, sen as escenas co osiño Paddington e as recepcións en Buckingham, se cadra hai personaxes que non nos resultarían tan aceptables. Mais mentres os órganos rosa da reprodución das estruturas de poder sigan funcionando sen que nos molestemos en okupalos e tratalos con seriedade, a monarquía, os touros, os ventres de alugueiro, o maltrato ás mulleres, a transfobia... seguirán retransmitíndose entre risas e vestidos de reportaxe do Hello! Cando se cadra o máis relevante en momentos coma este sería aprendermos a dicir Goodbye!

Comentarios