Opinión

Gárdasme o segredo?

Hai un tempo circulaba un triste anuncio deses de turismo de Galicia co lema: gárdasme o segredo? Estes días non podo evitar que se me veña á mente reflexionando sobre as Tanxugueiras e a importancia da visibilidade, sobre o que conseguiron para as galegas, para a nosa autoimaxe e para comprender que o valioso adoitamos telo a carón, invisibilizado e desleixado.

Resulta triste, mais vivimos nunha sociedade na que só cando tes recoñecemento fóra es vista dentro. O problema no noso caso é que "dentro" inclúe pasar por un estado español que xa vemos como actúa. Isto non é sorprendente. Hai tempo que reflexiono sobre esta cuestión dende a miña propia experiencia e a doutras artistas que tamén andan percorrendo mundo. Ter que pasar por un estado que se nega a recoñecernos ou convidarnos, que nos mete nun marco, o "español", co que pouco ou nada temos que ver cando nos presentamos fóra das nosas fronteiras é un atranco enorme.

Por poñer un exemplo propio, hai un tempo que comprobo como a miña obra non viaxa porque as editoras estatais seica argumentan que é demasiado atrevida, demasiado política. Cousas e temas que aquí, en Galicia, son de interese para as lectoras de forma masiva noutros lugares son "arriscados". Interesante como mínimo. Di moito dunhas e doutros. Mirarnos no espello deses sistemas culturais hexemónicos sempre vai no noso detrimento artístico. Se cadra o que demostraron as Tanxugueiras é que o recomendable sería que as que se mirasen en nós fosen as hexemónicas, tan perdidiñas como andan co entendemento do estado, das hexemonías ibéricas e alén de mares, da complexidade dos xéneros, das nosas conexións con iso que agora se nos vende como "ecoloxía" e que se resume a saber vivir en paz e con coidado do espazo que te rodea.

Se cadra, como dicía Zadie Smith hai moito tempo sobre a sorpresa que provocaba a súa escrita na comunidade británica branca, o abraio parte das expectativas que a mirada hexemónica ten sobre as súas outras. As imaxes que circulan sobre Galicia provocarían sen dúbida ese efecto. Porque, claro, chamarlle atraso á explotación económica, cultural e social resulta bastante máis fácil que asumir responsabilidades no asunto.

Ao final, a campaña do PP era moi certeira. España gárdanos coma un segredo. Un segredo forxado na ignorancia e no estereotipo que, en canto este cae e a arte abrolla, non debe abraiar máis que por calidade e por orgullo.

Comentarios