Opinión

Estupefacción

Estes días asisto con estupefacción non a unha guerra, que hai moitas guerras, senón ás reaccións que esta incita no mundo que me rodea. Abráiame xente da miña idade afirmando que "nunca pensei que vería unha guerra en Europa", coma se a dos Balcáns non acontecese precisamente durante a nosa vida, coma se non vivísemos con Berlín partido por un muro, coma se non se desen diferentes tipos de invasións na parte Leste do continente, xa non digamos o que aconteceu con Chechenia. Sen dúbida, ademais de memoria curta, a frase parece traducirse noutro contido. Resumidamente, que é "normal" que haxa guerras noutros lugares de maioría non branca, mais non aquí, que somos un continente civilizado. 

Somos un continente TAN civilizado que, xunto cos omnipresentes estadounidenses, nos dedicamos constantemente a agredir e invadir países sen que se nos apliquen bloqueos que, non esquezamos, pagará a poboación rusa, non Putin. A lista é infinita e ningún me doe nin máis nin menos que as xentes da Ucraína que precisan, igual que as de Afganistán, Siria, Iraq, Malí, Paquistán, Iemen, o Sáhara, Palestina, por mencionar algúns casos, a nosa atención. 

Engadamos os países desestabilizados como Haití ou Filipinas.

Agora ben, o importante máis alá do lamento, é considerar o porqué. Falando coa doutora Madeleine Orr a semana pasada, experta en cambio climático, argumentaba que parte da resposta pasa por descarbonizar as nosas economías para deixar de bombardear certos lugares. Mais penso que coa seguinte fonte de enerxía, como xa vemos en Galicia cada día co tema incensante dos eólicos, as bombas caerán noutros lugares, alá onde haxa auga, ou vento, ou o area do deserto, para que os mesmos cus fiquen sempre quentes. E aí é onde as cidadás dos países occidentais temos a maior das responsabilidades, porque a nosa comodidade está baseada na dor e na explotación allea. Entender que a pobreza enerxética non pode desvincularse da explotación e da violencia contra ás nosas outras é un primeiro chanzo para comezar a consumir menos. De todo. E comezar XA.

E para alén diso, socorrer, apoiar, non deixarnos desinformar e sobre todo DAR VOZ ás protagonistas dos conflitos e non só aos dirixentes que, uns e outros, tan ben representan o slogan feminista "patriarcado e capital alianza criminal". É o momento de ir ao fondo e deixarse de tanta superficie porque hoxe e sempre hai moitas vidas en xogo, non só na Ucraína.

Comentarios