Opinión

Esgotamento sistémico

Hai días nos que custa remexerse. Falamos moito de aspectos sociais e analíticos das estruturas de opresión sistémicas pero menos veces falamos do efecto desalentador, do esgotamento que estar expostas a violencias provoca nas mulleres, agravado por calquera intersección de clase, racialización, orientación sexual ou identidade de xénero. Recoñezo que, se hai unha constante en todas as activistas que coñezo, é o valor de superar o esgotamento. Facemos moitísimo, parece que os nosos días teñen máis horas ca os do resto. Mais non teñen. Cómpre non esquecelo. Traballamos porque de non facelo nunca haberá descanso para ninguén. Mais cómpre non dar o esforzo por sentado. Cantos máis ombreiros, máis repartido o traballo e máis descansaremos algunhas. Niso, abofé, está o coidado.

Non hai dúbida de que o noso sacho incesante é a clave para entender que ningún avance se fixo por inercia, ningún polo mero paso do tempo. Calquera transformación é resultado do traballo ingrato, diario, de oposición constante de mulleres concretas. E por elas seguimos, porque feminismo é a compaña e darse a man. É a crítica dende as ideas e non dende o insulto nin moito menos dende a denegación dos dereitos doutras ou a cegueira ante o noso propio privilexio.

Ese é o único xeito de sobrevivir animicamente cando nos erguemos coa noticia de que unha veciña de Baiona foi asasinada diante das súas crianzas. Porque se algo entende ben a violencia estrutural é que con golpear a unha golpéannos a todas, ameázannos a todas. Que a canta máis visibilidade, máis violencia. Que as visibles tamén estamos cansas, ou enfermas, ou esgotadas porque sobre os nosos ombreiros recaen moitísimos máis traballos dos aparentes. Porque ademais das vidas individuais levamos tamén as vidas colectivas (as xuntanzas, os traballos, a escoita, o sachar, sachar e sachar). E, aínda por riba, cando os machistas avanzan, parece que somos nosoutras as que fracasamos pois sempre hai quen nos bota ás feministas as culpas do avance do machismo. O mundo ao revés!

Neste marasmo complexo, nestes momentos escuros, se algo teño clave é que non somos nosoutras quen fracasamos. Que cómpre máis ca nunca invocar o suxeito colectivo do que formamos parte e, tras a rabia, coller os folgos necesarios para que todas poidamos seguir vivas, atacando as raíces da violencia e dese xeito chegarmos por fin nalgún momento a saír do esgotamento sistémico.

Comentarios