Opinión

En todos os espazos

Hai uns anos había un xornalista deses que lles gustan de protagonistas a certo tipo de autores de novela negra, que se dedicaba a chamarme por teléfono á unha da mañá, entre outras horas do día, para insistirme que tiñamos que tomar un café. O meu número conseguírao no transcurso das súas actividades profesionais, mais, como é evidente, usábao para outro tipo de fins. Ante o fracaso desta estratexia, dedicábase a aparecer en todas as miñas presentacións nunha cidade concreta ata o punto de achegarse e impoñerme dous bicos nalgunha ca outra ocasión. A pesar de que había persoas que sabían do malestar que me provocaban os comportamentos dese señor, ningunha interveu nesas situacións nas que me vin a soas con el tentando quitalo de enriba con toda a mala hostia que por fortuna teño, pero sempre consciente de que estaba nun espazo público e, máis aínda, nun momento que para min era importante e no que debería de estar contenta e centrada nas lectoras que se achegaran para compartir algo do seu valioso tempo comigo, sen máis.

A diferenza do que ocorre nas novelas dos señores aos que lles gustan os detectives ou xornalistas alcohólicos, problemáticos e "mullereiros" de protagonistas, as mulleres da vida real, no ámbito que sexa, vivimos estas situacións como unha violencia moitas veces imposible de expresar ou de contrarrestar co que realmente sería necesario: unha boa hostia, unha patada nos collóns, unha denuncia na policía. Esas iniciativas son máis doadas de acometer contra quen non se coñece, ou contra quen non ten ningún tipo de poder sobre nós ou cando non estamos nun espazo no que debemos e queremos centrarnos no traballo que nos ocupa.

Estes días, todas as mulleres revivimos momentos así. O que acontece con Rubiales actívanos a memoria do noxo. Porque o fútbol non é unha excepción. A excepción é que a agredida non estea soa, que se active a sociedade para parar os pés ao que todas vivimos sen máis apoio ca o dos nosos cotenos, cóbados, amigas e iso que agora chaman resiliencia. Sempre con renuncias ao traballo, á ledicia, mesmo. Na situación concreta, como lle pasou a Hermoso, pouco pode unha facer máis que seguir adiante. O que cambia as cousas é o que acontece despois. Aí, todas xogamos e todas temos que apoiar as que están falando publicamente e posicionándose. Porque só así conseguimos que as cousas cambien, expulsando por fin o machismo de todos os espazos.

Comentarios