Opinión

Un desexo de fin de ano

Agora que as televisións ameazan con torturarnos con “especiais” de canto e baile se cadra é momento de pensar, por un intre, en vidas alternativas e marabillosas. Ocórreseme, por acaso, pensar na vida desas persoas monolingües en castelán que viven en Galicia con total ignorancia e desprezo do que non é a lingua “do estado”. Debe ser marabilloso ir ao servizo de saúde e que case sen excepción nos falen na nosa lingua. Debe ser estupendo ir a unha notaría, a unha administración de fincas, a un servizo fiscal calquera e non ter que pedir de xeito expreso e so perigo de malas caras, atrasos (iso sempre!) ou cousas peores que nos dean os documentos na nosa lingua. Debe ser xenial enviar as crianzas á escola e que saian dela falando o mesmo que cando entraron. Debe ser fantástica a sensación de acender a tele, poñer unha película nunha plataforma, un programa de radio e non ter que andar á procura, protestando a cada paso, para atopar algo no idioma propio. Xa que dicir da literatura! Marabilloso debe de ser entrar nunha libraría calquera e non ter que buscar debaixo das mesas libros na lingua propia. Marabilloso debe de ser que ninguén diga ás escritoras que venden porque están subvencionadas, porque teñen un público cativo no ensino. Ata pode que sexa marabilloso ir mercar un libro porque oímos falar del na televisión, na radio, no xornal que hai enriba da mesa do bar ao que imos tomar o café “con leche”. Marabilla debe de ser ver que as personaxes das obras de ficción poden dedicarse a calquera cousa, falar como lles pete (seguindo ou non as normas académicas en sentido estrito), vivir no campo ou na cidade sen que iso sexa criticado. Estupendo debe de ser non verse sempre representada a cultura na lingua propia como algo pasado, folclórico, entre néboas e brétemas repetidas ata o bocexo.

Normal que queiran preservalo todo! Normal que sintan a ameaza á súa “normalidade” construída sobre os lombos doutras, as que temos que traballar para vivir cada día na nosa lingua. A única que nos une ao presente e que nos conecta co mundo enteiro. Fronte á anormalidade que constrúen coas súas leis, coas súas incesantes discusións, cos seus perennes desprezos, por debaixo dese mundo aparentemente marabilloso, o noso. Un mundo que sacha pola diversidade e os afectos, pola vida que abrolla malia ao pensamento único e os mercados. No anovello xa só un único desexo: un 2022 en galego.

Comentarios