Opinión

Dereitos "humanos"

Raro é o día que non vexa novas dun caso máis de arboricidio en Vigo. Non hai semana que ao noso alcalde non lle acorde botar abaixo un ser vivo centenario sen vir a conto de nada. O outro día, volvendo de Santiago para Vigo no tren, a vista acababa borrosa de tanto eucalipto. De verdade que custa moito traballo entender a falta de apego ou mesmo odio, como semella o caso de Caballero, que certos seres humanos amosan ante as árbores autóctonas. Coma se eses seres que nos dan a vida (perderon no colexio a lección esa do osíxeno e o CO2?) tivesen algunha eiva quitando a de non poderen saír correndo ou botarse enriba dos seres humanos que veñen coas serras ou a plantarlles lume.

Ao final, o ser humano é o único ser vivo incapaz de convivir coa natureza que o rodea. Non ten reparo en matar un ser vivo centenario porque lle ensucia o coche coas follas, ou porque entra nun camiño (feito para outros seres humanos e os seus coches), ou porque quita as vistas (tremendo drama!) dun edificio. Os dereitos "humanos" semellan estar por riba dos de calquera ser vivo. E por desgraza nada teñen que ver coa vida digna, co alimento, co acubillo ou coa paz mental. Porque todas estas cousas son as que proporcionan as árbores.

No caso dos eucaliptos está claro que a nosa mentalidade de dependencia externa extrema fai que vexamos antes o carto ca a supervivencia, aquilo de "teña o meu fol fariña, ríase a miña veciña" acaba nun estado de desleixo que pagaremos cada vez máis. E isto tamén se aplica a aquelas persoas que están tan felices con estes días "solleiros" sen ter en conta que a auga que tanto semella molestar os humanos, os seres máis protexidos dela do planeta coas nosas casas, roupas e paraugas, é vital para que a terra se renove, para plantas e animais (tamén humanos).

Sempre digo que non somos conscientes do rápido que a Terra, que mide o tempo en idades xeolóxicas, nos está exterminando. Visto como nos comportamos, aínda vai amodo de máis. O día que comprendamos que as nosas miserias, cobizas, comodidades, estupideces e afán de cartos non dan a felicidade e non están por enriba dos dereitos doutros seres vivos, sobre todo dos inmóbiles e silentes, teremos resolto a maioría dos problemas da humanidade. Ata entón, cumprirá que máis persoas pensen coma árbores e menos como o alcalde de Vigo, os plantadores de eucaliptos, os directivos de ENCE e os incendiarios de todos os anos.

Comentarios