Opinión

Coñecida na súa casa

Hai xa moitos anos, ao parar o bus que unía Vigo e Lugo no Areal, lembro ver camiñar pola rúa a Agustín Fernández Paz. Acababan de darlle o Premio Nacional (do Estado español) de literatura e alá ía tan tranquilo, sen que ninguén aparentemente se decatase de quen era aquel home.

Nunha sociedade na que se valoran maioritariamente futbolistos, concursantes de reality e obras que veñan de canta maior hexemonía, mellor, as persoas que nos dedicamos á cultura en galego temos ben asumido que rara vez atraemos a atención das masas. Como diriamos popularmente, somos coñecidas na nosa casa á hora de comer. E non pasa nada, que o noso traballo non é nin máis nin menos importante ca o doutras persoas.

Porén, nunha análise máis sistémica, si resulta triste que vivamos nunha sociedade que mira permanentemente cara a fóra para buscar o seu valor. Estamos rodeadas de creadoras inmensas que parece que unha gran maioría da sociedade galega, esa que vive instalada no castelán ou que ten de referente cultural a TVG (dúas cousas que deberían ser antagónicas, mais non), non ve ata que reciben recoñecementos fóra. Seguramente haberá quen descubra agora, como pasou coas Tanxugueiras, que en Galicia traballa unha teatreira e contacontos inmensa que se chama Paula Carballeira porque recibiu un merecido premio a nivel estatal.

Carballeira é unha incansable formiga que foza e fura en conexión cunha tradición que reproduce e anova. Coñece o espírito das palabras e dos contos, crea coa sensibilidade de quen entende o maxín das crianzas, conecta con outros lugares dende unha cerna común de humanidade. Pon o corpo para emocionar e provocar reflexións na sociedade. Un traballo que merece recoñecemento en todas partes, que non é nin máis nin menos importante ca o doutras persoas, mais que ten a maxia de convocar comunidade a través da lingua e dos seus prodixios.

Porque se ben a frase de sermos coñecidas na nosa casa á hora de comer pode partir do despectivo, se cadra non hai nada máis importante ca iso. Porque é na nosa casa onde podemos ser relevantes, unha máis, á mesa común. Porque non hai nada máis importante ca compartir a comida. Porque estou certa de que todas as crianzas e maiores en Galicia que temos a oportunidade de ler, ver e compartir o que fai Paula Carballeira podemos tirar da súa arte aínda moito máis do que poden noutros lugares. E sentir a fachenda de comer á mesma mesa ca ela.

Comentarios