Opinión

Con_sentimento

Se aos feitos diarios e mediáticos atendésemos, sería imposible non escribir cada semana doutra cousa que non fose a violencia exercida contra as mulleres e disidentes de xénero. Estas últimas semanas, as noticias volvíannos falar da violencia sexual que experimentamos as mulleres e mozas e, coma sempre, as palabras acaban formando unha rede mesta que tamén nos enguedella. Hai moitas cousas que tirar desa maraña.

A primeira, que cómpre tratar as menores con respecto. Así, tanto difundir imaxes como representalas de forma denigrante debería quedar fóra de todo discurso público. Iso para comezar. Tamén, nesa mesma liña, abonda de representalas como seres asexuais ou sen desexo. As mozas teñen dereito a sentir desexo e a explorar seguras o que desexan. Outra cousa é o que algúns homes, menores e maiores, fan con ese desexo, transformándoo en violencia e opresión.

Cando falamos de que as menores non teñen idade de consentir, cómpre pensar que unha cousa son as garantías legais que se poñen para protexer a súa integridade física e psicolóxica e outra ben diferente é tirarlles a autonomía que deberían ter. A autonomía, claro, só se pode exercer con igualdade e con coñecemento. Nunha sociedade paradoxalmente saturada de sexo, comprobamos que a educación afectivo sexual segue sendo mínima. Así, resulta moi confuso, tamén para as adultas, determinar moitas veces o que é desexo e o que é imposición, o que é liberdade e o que é afán de compracer. Hai moitas coaccións que se reproducen a diario no discurso que temos sobre os mozos (eles, aos que se lles consente de todo) e sobre as mozas (elas, as que deben, aínda hoxe, gardar a honra). Mesmo nesa maraña, as mozas e nós seguimos sabendo cando unha relación é desexada e cando non.

Porque o consentimento comeza con establecer relacións nas que todas as partes desexen, nas que saiban o que é aceptable e o que non, o que queren e o que non e en que modelos sociais se desenvolven as súas accións. Aí, a responsabilidade das persoas adultas -de todas, non só de proxenie e escolas- é fundamental. Na nosa man está crear un mundo onde os mozos non reciban aplausos á saída dunha comisaría ante unha denuncia de violación e onde as mozas non sexan revitimizadas cando son agredidas por rapaces aos que ninguén socializou para poñer(se) límites, para ver as demais dende a empatía e a exercer o con-sentimento, que sería a base dunha outra sociedade.

Comentarios