Opinión

Combate!

Hai uns días, mentres eu asistía a unha velada exclusivamente masculina de boxeo no Porriño, Claressa Shields e Savannah Marshall facían historia novamente ao reunir 20.000 persoas no O2 Arena de Londres cun cartel só de mulleres. Miles máis seguiron a retransmisión por diferentes vías e foi un fito tras o combate de Katie Taylor contra Amanda Serrano no Madison Square Garden duns meses atrás.

Se facer calquera deporte para as mulleres é sempre un desafío, dedicarse profesionalmente a un tan masculinizado coma o boxeo éo moito máis. Na miña experiencia totalmente amadora experimento cada día todos os machismos que fan que perdas seguridade en ti mesma nun deporte que é altamente técnico e que depende da estabilidade da túa propia cabeza. No meu caso, se persevero é pola rabia destas situacións, polo moito que me gusta boxear e, sen dúbida, porque tiven a sorte de atopar en Alexis Iriarte un adestrador totalmente antagónico a todos estes comportamentos.

Se isto pasa no deporte amador, o que acontece no profesional non é difícil de imaxinar. Mentres Shields e Marshall acaban de calar a boca unha vez máis da xente que di o que o deporte feminino "non vende" (debería preocupar que fose ese o único motivo para promovelo) o máis importante é que elas non só son boxeadoras, senón mulleres que superaron obstáculos tremendos. Shields sufriu agresións sexuais de pequena, non falou durante moito tempo, a súa mai era toxicómana e viviu na pobreza máis extrema. Marshall provén dunha comunidade de clase traballadora do norte de Inglaterra e botábana sistematicamente de todos os ximnasios por ser unha moza. Shields, como muller negra e que non cala, sofre a discriminación por responder ao estereotipo da "negra encabuxada". Marshall, da xiganta tímida extrema.

As dúas sofren comentarios constantes polos seus corpos poderosos, como tantas mulleres que se dedican ao deporte profesional e non corresponden ao modelo branco de clase media/alta de mulleres esqueléticas que teñen que ocupar pouco espazo. A fama de violento do boxeo non axuda a ver que a violencia é, en realidade, minusvalorar as mulleres en calquera cuestión física, apoñerlles apelativos constantes. Ás cis por ser "menos", ás trans por ser "de máis". Por iso cada vez que mulleres coma Shields e Marshall soben ao ring, pelexan contra moitas cousas e, a pesar da inimizade aparente entre elas, ao final, todas gañamos co seu combate.

Comentarios