Opinión

Axudaime compañeiras

Debo admitir que nunca fun moi fan de Eurovisión, sobre todo ultimamente coa insistencia de producir un tipo de música irrelevante e en inglés que para nada estimulaba o interese polos países que se presentaban. Un ano tras outro o mesmo tipo de fórmulas anglófonas acababan invadindo a pantalla co argumento do "suposto entendemento" que en realidade se basea en que ninguén entenda nada.

Neste panorama, xa a irrupción de Salvador Sobral resultou no seu día unha sorpresa agradable e este ano, a presenza das Tanxugueiras fai que un espazo poida reunir non só a festa, senón tamén unha idea de convivencia bastante distante da que pretenden as voces de "el gallego no vale para nada", "el gallego se impone" e demais reencarnacións dun pensamento rancio e violento.

Non vou falar da importancia evidente que ten que unha canción en galego poida ser seleccionada para representar un país tan alérxico á súa diversidade como España. Dalgún xeito, o que as Tanxugueiras conseguiron ata o de agora é xa un triunfo para todas. Máis aínda se o considero no contexto do excelente encontro Somos Pandereteiras que organizou Mercedes Peón e o seu equipo a finais de 2021 e no que se reflexionaba, dende un enfoque de sororidade, sobre a nosa creación colectiva en xeral e sobre as tocadoras en particular. Un dos problemas que se sinalaban para a ruptura de transmisión da creación colectiva era a ausencia de referentes, a desvinculación da mocidade do noso e a falla de autoestima relativa a calquera actividade que teña que ver coa nosa lingua e as nosas culturas. Tamén, o problema da reprodución fronte á creación. A creación colectiva non pode quedar en formas fosilizadas se estas non se actualizan porque as que viñeron antes non só re_produciron, senón que produciron. Se nós non somos quen de producirmos dende os temas de hoxe, reapropiándonos sen perder as raíces dos nosos saberes, entón estamos preservando só obxectos de museo desactivados politicamente. Xusto onde nos queren.

As Tanxugueiras son un paso interesantísimo nese proceso. Obviamente, estar no centro das olladas implica recibir as opinións de todo o mundo e o debate ten moitas arestas interesantes. Mais por enriba de todo iso, o valor das Tanxugueiras é poñernos diante ese espello de dignidade, de raíces e de continuidade da creación colectiva. E aí, é momento de apoiar, de aplaudir e sermos as compañeiras que axudan a cantare.

Comentarios