Opinión

Alieníxenas

Nos máis de vinte anos que levo publicando teño vivido todo tipo de experiencias, mais o desta fin de semana na Feira do libro de Vigo creo que quedará como unha das máis lamentables dese percorrido. Malia ver xa fotos, a experiencia superou calquera expectativa.

Non vou entrar no mareo ao que o Concello de Vigo leva sometendo a localización da Feira, que cambia un ano tras outro sen saberse moi ben a que criterio responde. Desta última volta, seica sen posibilidade nin sequera de negociación coa Federación, a localización foi no Calvario no medio doutra festa que nada ten que ver coa Feira do libro. Vigo é unha cidade moi grande en extensión e cada barrio ten personalidade e carácter suficiente para ter entidade propia. De aí que non se entende moi ben que a Feira do libro se sitúe nun calquera e non nun lugar común para toda a cidadanía, como sempre foron as localizacións anteriores e como son en calquera outra cidade ou vila.

O despropósito de mesturar a feira con outra festa calquera fai que a xente pase polos postos de xamóns, gofres, alfaias e bragas ata chegar finalmente ao surrealismo dos postos cos libros que son os únicos que están de cu para a rúa. É dicir, para ver os libros unha ten que camiñar por entre as portas das tendas e os propios postos, que fican ocultos para a cidadanía que camiña pola zona peonil do Calvario.

Ata aquí a responsabilidade dun Concello ao que lle gusta ignorar a cultura, que malla nun sector que trata coma se fose irrelevante, impedindo aínda máis a visibilidade dos libros e das persoas que ao redor deles traballamos e vivimos. Mais tamén, nesta proposta alieníxena, conflúe o propio modelo da Feira, que se instala de xeito totalmente desvinculado dos lugares aos que chega, cun modelo importado doutros planetas cos que o noso sistema literario pouco ten que ver e que se basean en "estrelas" de produtos que non tecen ningunha rede.

Fronte a ese sistema de nave especial, cómpren outras propostas, como as que xa ofrecen Santiago, Carballo ou Pontevedra, que aglutinen o sector editorial (vizoso en Vigo), os clubs de lectura, as librarías locais e toda a marusía humana, viva e vibrante que moven os libros en galego e que é quen de arrastrar e entusiasmar a un público amplo. Mais, para iso, cómpre outro modelo de traballo e outras autoridades. En Vigo e en calquera lugar, os libros en galego merecen terra fértil e non ideas doutras galaxias.

Comentarios