Opinión

A súper/vivencia

Esta fin de semana pasada tiven a fortuna de por fin poder darlles unha aperta ás persoas que conformaron o xurado da XV Edición do Premio Jules Verne no magnífico acto de entrega dos Premios Xerais en Baiona. Durante a entrevista que nos fixo a marabillosa Susana Pedreira a Leticia Barbadillo, a gañadora do Premio Merlín, a Pedro Feijóo, o gañador do Premio Xerais e a min, dixen sen pensalo moito que as emocións son a supervivencia. E sigo pensando tal, mais aferrarme a elas nese momento de acompañar a Furia foi unha vivencia complicada. 

Faltábame a persoa que sempre me deu alento no camiño, a miña mai. Non puiden evitar revivir a súa alegría inmensa na entrega dos Premios Xerais en 2014, mais sobre todo, os seus comentarios entusiastas ou as súas críticas construtivas cada vez que lle enviaba un correo cunha obra, polo xeral co asunto: "Outra merda". Miña mai, unha lectora de intelixencia formidable, foi con quen máis compartín sempre a alegría, o humor e o traballo da escrita. Compartir a súa ausencia publicamente non foi sinxelo, mais os afectos das persoas presentes (a miña familia: o meu irmao, as miñas dúas Susanas, tan discretas como era ela; as amigas queridas, a miña familia de Xerais tan presente e acolledora) foron a miña supervivencia emocional, o faro que me guiou máis cara á ledicia que cara ao padecemento. Como á miña mai lle gustaría.

E seguramente ela tamén se alegraría no recoñecemento dunha obra que combate contra diversos prexuízos. Sen ir máis lonxe, os que rodean o boxeo. Irritoume comprobar durante a entrega de premios que aínda algunha persoa me veu dicir que é un deporte "violento" ou que "como se pode ser feminista e defender o boxeo". A violencia non ten nada que ver co boxeo e eu creo que teño vivido abonda na vida pública e privada como para saber ben o que é. Do segundo comentario non direi moito, pois cando publiquei O club da calceta tamén os mesmos señores viñan cuestionar que como se podía ser feminista e falar de algo tan tradicional coma a calceta. Se cadra se se ocupasen máis de tentar analizar os seus comportamentos de control xa non tiñan tempo para tanta improcedencia.

Se algo teño claro é que o boxeo, coma as emocións, pode e debe ser unha súper/vivencia. Só cando tiramos os prexuízos somos capaces de ver as cousas con algo máis de xustiza, que é o que merecen o boxeo e tantísimas outras cousas construtivas nun mundo ben hostil.

Comentarios