Opinión

Unilateralidade e perdón

A Igrexa Católica demorou varios séculos en pedir perdón polas condenas de astrónomos ou de científicos que ousaban desafiar a ortodoxia teocrática oficial. Igualmente, volve facelo –agora con máis dilixencia– para repudiar prácticas sexuais de uso e abuso de menores en centros escolares ou en conventos. O goberno canadiano tamén acaba de pedir perdón polo maltrato e morte inflixidos a crianzas e adolescentes de povos orixinarios, submetidos á lei da maravillosa civilización colonial. Algo semellante, décadas ou séculos despois de se produciren os crimes horrendos nas colonias respectivas, tamén acordan facer Franza ou Bélxica. Pedir perdón. Que sedicente operación relixiosa se procura con semellantes xestos? Acaso a condena inclúe a única confisión verdadeira posíbel, que sería o retrato inmisericorde de como se montou o progreso europeu, moito antes ou asemade o nazismo perpetraba o seu xenocidio particular? Acaso o que arrepiou na 2ª Guerra Mundial non fora xa ensaiado, con toda a contundencia mortífera, en América, en África, en Asia? 

Como se interpreta, tamén relixiosamente, que os presos e exiliados cataláns ofenderon un dogma, son premidos para pediren perdón e así mereceren a graza indultatoria do Big Brother español. Mais, en que país estamos?! Na mesma lóxica europea-occidental que se di defender (como un outro dogma), acaso quebequeses ou escoceses foron impelidos a pediren perdón por realizaren senllas votacións verbo da proposta de independencia das súas nacións? Cal vai ser o seguinte paso? Pedir perdón por existir? Pedir permiso para abrir a boca? Non abonda xa con toda a lousa de censuras explícitas e implícitas?

De por parte, servidora, a única unilateralidade que ve no chamado conflito catalán é a do proprio Estado español e todas as súas axencias e institucións. Unilateralidade na utilización descarada do poder xudicial como instrumento de represión e de castigo, por moito que decisións xudiciais extra-estatais deberan facer enrubiar ao poder executivo e ao poder xudicial. Unilateralidade para prohibir xudicialmente medidas absolutamente sensatas e acordes á lei, como a de oferecer exames de probas de selectividade en catalán, coa posibilidade de se realizaren en español ou en aranés, se a alumna ou alumno así o solicitar. Onde o delito? Unilateralidade no procesamento e imputación de centos de persoas, para alén das encarceradas-exiliadas, polo incríbel crime de defenderen un outro status político para a súa nación. Unilateralidade no endeusamento dun aparato xudicial que o mesmo re-legaliza fundacións que fan apoloxía directa da ditadura como non moveu un dedo para impedir espolios de bens públicos dela procedentes.

E, para completar o cuadro, o balbordo represor-españolista máis desatado no centro do centro único do Universo, onde conflúen todos os raios do círculo: o españolismo feroce, en unánime brado, de Madrid á súa histeria, e viceversa. Canta razón tiña Castelao: Hespaña (como el escrebía) non se dá pacificado a si mesma mais impede que os demais povos resolvan en por eles a súa vida e os seus destinos.

Comentarios