venres 26/02/21

Saudades dun globo azul

A memoria viaxa estes días á infancia e adolescencia en Lugo. Festas do San Froilán. Mellor dito, feiras e festas, que así se chamaban. Ás 10 da mañá, “dianas e alboradas”. Vacación para desfrutar delas, pois o curso non comezaba até o seu remate, no día 12. Que ansia de que se instalasen as “barracas”! Canto gastaríamos no “Tiro La Flor. Os galleguiños” para, disparando ás bólas, conseguirmos un chaveiro con metro incluído? “Churrería Franco” e “Galiana” e “La Moderna”. “El Cubo de la Muerte” (meu pai preparálle un ano as botas ao motorista). E, sobre todo, os coches eléctricos: 5 pesetas ficha; 25, 6 fichas. En 1970, no Domingo das Mozas, misa en galego no quiosque do parque, con folleto para seguila. Alá fomos con todo o interese e devoción. Quen a organizaría, como se fose un “número” máis das festas? (Juan Soto, Tonina Gai ou Xulio Xiz, con tan boa memoria luguesa, de certo que o saberán). Xa por volta dos vinte anos, convencín unha curmá e unha amiga, nada entusiastas, para subirmos nunha nora enorme, instalada, como outras atraccións, no Parque Rosalía de Castro. As tres, no mesmo asento; eu, no medio. A viaxe merecería ser filmada. A miña curmá, absolutamente muda, paralisada polo pavor. A miña amiga, que ía na parte exterior, axiña comezou a laiar, ao compás da subida: ai, ai, aaaaai!! O berro apoteósico chegou cando se decatou de que as súas pernas batían coas follas dun cedro altísimo que estaba á beira: “Mamaaaaaaaá!!”. Eu matábame a rir e elas, ao baixarmos, tiveron a mesma vontade comigo, por facelas pasar tal transo. Moitos anos despois, na Coruña, nos Cantóns, cun amigo algo máis vello e unha amiga algo máis nova, anunciei, ao ver os coches eléctricos, que ía mercar fichas, para montar os tres neles. Indescritíbel a face del e a dela. Non daban creto. Desistín, non sen rir do seu temor.

Hai dous anos, fomos dar unha volta polo feiral. Era xa ben noite. Compracentes ou compasivas, as miñas amigas consentiron en que subise aos “caballitos”. Así o fixen, nun chamado “Furia”. Decateime de que era a única pasaxeira. O encargado, cunha profisionalidade impecábel, perguntoume se quería globo. Díxenlle que si, por suposto, descoñecendo a novidade de que o billete incluía tamén este agasallo. Enorme, azul, non só viaxou comigo senón que ficou no asento traseiro do meu auto, días e días. Unha amiga, alumna da Universidade Senior, ao velo, perguntoume se levaba nenos comigo aqueles días. “O globo é meu”, expliqueille. “A quen se lle diga!”, “Á túa idade!”, “Regresión infantil!”. “Non, regresión, non, debe de ser permanencia”... O pobre do globo deuse por aludido e, desde aquela, agoirado, comezou a mirrar e a ficar reducido á mínima expresión.

Si, comesta polas saudades. Este ano, máis. E el será posíbel voltar a unhas festas de San Froilán como as de antes? A poder reproducir actos de antano, aínda a risco de que pensen que se me afrouxaron as neuronas? Mais, de súpeto, este baño de melancolía morne cesa abruptamente. Noutro cabo da nación, na Toxa, “Foro La Toja”: a aldraxe na propria casa e coas máximas autoridades galegas presentes e cúmplices. O noxo do mundo real.

comentarios