Opinión

"... despersonalizada e apátrida"

A raíz dun discurso de Carvalho Calero que despois comentarei, viñéronme á memoria os meus anos escolares en Lugo, en concreto os sete anos (1963-1970) no Instituto Feminino, hoxe "Nosa Señora dos Ollos Grandes", pola magnífica imaxe da capela barroca da catedral que alí reina. Nunca participei da idea interesada que traza unha liña infranqueábel entre a ditadura e o inicio formal da monarquía parlamentar; tamén non, do tópico do "branco e negro" face a un mundo en coloríns beatífico que, supostamente, se abriría paso no novo rexime. Hai dous profesores aos que rendía auténtica adoración: Dª Isaura Cepeda  (Ciencias Naturais) e D. Manuel Fuentes (Filosofía), mais outros acoden tamén á miña recordación. O profesor de Relixión D. Daniel Sarandeses, doutor en Teoloxía por Roma, opinaba xa daquela que a materia que el impartía había de ser optativa e sen cualificación. A súa aula cadrou, nun curso, a última hora da mañá. Antes de a comezar, advertía: "Las del novio, pueden salir"... e saían, abofé, sen consecuencia represiva nengunha. Os "debates" que organizabamos, con D. Federico Bouza –"liberal", a despeito da súa militancia confisionalmente franquista– eran para seren filmados. Hoxe, profesor e alumnas estaríamos fóra da lei. Advirto decontado: cero idealización, pola miña parte. Só lembranza dun pasado bastante máis matizado do que nos queren facer crer. Na vacación de Nadal do meu primeiro ano universitario, fun visitar a D. Manuel Fuentes, que me acolleu cunha naturalidade que a miña timidez non daba vencido. Natural de Madrid e con varios cursos de docente en Inglaterra, confesou daquela o estupor que lle producía levar anos na Galiza e coñecer tan tarde a obra de Rosalía de Castro. Falaríamos dela? Non o dou lembrado.

Como dixen, estes "fotogramas" desfilaron na miña memoria ao reler un discurso de Carvalho Calero titulado "Quince anos en Lugo", proferido en Buenos Aires en 1974 e editado en 1984. O profesor fai o percurso da súa vida luguesa e, especificamente, da súa docencia e orientación pedagóxica no Colexio Fingoi que dirixía. Eis as súas palabras: "Aspirava-se a centrar o ensino no meio galego, a arraigar fortemente a educaçom no ambiente do país. Rejeitava-se toda pedantaria livresca que confundisse a formaçom dos rapazes com a erudiçom infantil despersonalizada e apátrida. Nom se tratava de educar os alunos como se fossem habitantes de calquer país, como se existisse unha educaçom uniforme para calquer país". É así, explica, como eran levados á meseta das Pías para que estudasen sobre o terreo a dispersión das augas e " vissem com os próprios olhos como, ao Norte, fluía o Mandeu cara a ria de Betanços; como ao Leste, as águas do Narla iam empatar com o Minho; de que jeito, ao Sul, a corrente do Furelos procurava a bacia do Ulha; e como, en direcçom ocidental, fluiam cara o mar as ondas do Tambre". Estas excursións aspiraban a proporcionar aos escolares "um conhecimento directo da realidade galega".

Case cincuenta anos despois desta relembranza, estas palabras interpelarán un algo aos ensinantes de hoxe e ás autoridades educativas? Tendo aumentado de forma elefantiásica a colonización ianque-española, non pagaría a pena unha "parada e fonda" definitiva no mundo do ensino regrado? (O informal desregulado, televisivo-pantallístico, xa sabemos a onde nos leva: á ensinanza despersonalizada e apátrida).

Comentarios