Opinión

Apocalípticos?

"Apocalípticos" ou "ensimesmados" foron dous dos amábeis adxectivos  que os opinion makers e os seus seguidores tiveron a ben dedicar aos nacionalistas galegos –e ás súas posicións políticas– durante moitos anos. O segundo destes adxectivos contrapúñase á necesidade de se declarar europeos, cosmopolitas e cidadáns do mundo (españois por obriga constitucional, of course). Nesta mentalidade, a categoría nación sobra, como sobra a clase social. As flagrantes diferenzas de trato, desenvolvemento e, por tanto, posibilidades de futuro ficaban así diluídas no estupefaciente consolador dunha pertenza superior e indiscutíbel. O primeiro deses adxectivos ten a súa orixe nun sonado ensaio de Umberto Eco de 1964 na súa edición orixinal en italiano, mais con difusión na década seguinte na progresía mercé á súa edición en español. Ben é certo que a aplicación vulgar deste cualificativo pouco ten a ver co contido real da obra do escritor, pois facíase sinónimo de pesimista, antigo e detractor da "modernidade" que, acriticamente, cumpría aplaudir.

A tal "modernidade", traducida ao caso galego, pasaba por abenzoar a CEE, a OTAN, a democracia dos USA e, por suposto, por ler o suplemento cultural de El País para estar ao día das novidades da factoría editorial anglo-norteamericana.

Nesta mentalidade e neste panorama, as análises e as advertencias do campo nacionalista galego eran tan deostadas como ridiculizadas. Xa en pleno século XXI, podemos lembrar algunhas delas e submetelas á veracidade da historia posterior. Nos primordios da nova lexislación constitucional-estatutaria, avisouse da futura fonte de conflitos competenciais, da colisión previsíbel entre Estado e Comunidade Autónoma e, mesmo, do xogo perverso entre ambas administracións para botárense a culpa mutuamente e deixaren os problemas sen resolver. Precisamos exemplos –de antonte, de onte ou de hoxe– para o verificar?

No que respeita a algo tan sensíbel e identificador como é a lingua, foi decisiva a análise do texto constitucional como foi clamorosa a contestación social á súa derivada punitiva e excluente do galego. Era "apocalíptica" a predición? Verbo da Comunidade Económica Europea,  para a Galiza, o ingreso na mesma do Estado español en 1986 supuxo un negocio podre e un reforzo inaudito da dependencia e submisión a unha estrutura política nefasta para a agricultura, a gandaría, a pesca... galegas. Cómpren exemplos?

Unha outra denuncia daquel nacionalismo do derradeiro terzo do século XX subliñaba como a Galiza era vítima dunha política do Estado, sistémica, con amplos antecedentes históricos e en conxunción garantida polo  bipartidismo. Arestora, multiplícanse as recordacións da catástrofe do Prestige e da ignominiosa xestión da mesma por parte do Estado e da Xunta. "Evidencia" (as do chapapote por toda a costa, o escarnio das decisións das autoridades incompetentes, as ocas promesas incumpridas...) é unha das palabras máis repetidas. Acaso non é unha evidencia clamorosa que o desastre xa estaba anunciado?: Urquiola (1976), Cason (1989, con goberno PSOE no Estado e na Xunta), Aegean Sea (1992, PSOE-PP). E non falemos dunha ferida aínda aberta, como a do accidente ferroviario de Angrois, con responsabilidades ben repartidas.

A galegofobia declarativa de variadas personaxes españolas do gremio da imbecilidade racista está tamén ben asistida, desde dentro do país, pola redución do galego televisivo ao máis embrutecido, ordinario e zafio da conduta humana. "Apocalíptico" ou simplesmente descritivo?

Comentarios