Opinión

O galego pouco importa

Vicent, finalmente, o percorrido para a oficialización dos nosos idiomas na Unión Europea non era tan doado e rápido como pensabamos... e, o peor, as reticencias dalgúns Estados seguirán aí, como seguirá o posicionamento contrario do Partido Popular. Aquí mesmo o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, se mostrou publicamente en contra até de levantar o veto ao uso do galego no Congreso.

A pouca querenza do PP pola lingua propia da Galiza demóstrase cada ano nos orzamentos. Precisamente, as contas de 2024 están a ser presentadas estes días nas comisións parlamentarias. De compararmos as partidas orzamentarias de 2024 coas de 2009, ano dos últimos orzamentos do Goberno bipartito formado por PSOE e BNG, a dedicada á lingua galega é das que máis caída sofre. Así, pasouse dos 21,77 millóns de euros consignados para a normalización lingüística en 2009 aos 11,04 millóns de 2024.

Outra mostra da actitude negacionista do Executivo de Rueda a respecto da lingua ten a ver co incumprimento do contido da coñecida como "Iniciativa Xabarín", unha proposta que foi aprobada polos tres grupos parlamentarios tras unha intensa campaña divulgativa realizada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Pretendíase, con esta liña de actuacións, avanzar no uso do galego na infancia e na mocidade, onde o idioma propio é practicamente residual.

A programación televisiva infantil e xuvenil en galego representa o 0,8%; onde, na TVG2, pasou de abranguer 73 horas semanais en 2017 a 20 horas en 2023

Entre outras cuestións, a "Iniciativa Xabarín", que tomou por nome o dun programa televisivo de grande éxito no pasado, recollía o compromiso de aumentar a oferta en galego destinada a crianzas e adolescentes na CRTVG, reforzar as catro canles dixitais Xabarín e dirixirse á RTVE para emitir contidos con opción dobrada ao galego. Até o de agora, nada de nada, cun panorama en que a programación televisiva infantil e xuvenil en galego representa o 0,8%; onde, na TVG2, pasou de abranguer 73 horas semanais en 2017 a 20 horas en 2023 e onde Clan TVE non dispón de contidos en galego.

Tamén me parece grave, Vicent, o que vén de decidir, xa iniciado o curso académico, a Comisión Interuniversitaria de Galiza, que é a entidade encargada de organizar os exames de acceso á universidade: as preguntas sobre a historia da lingua galega centraranse no período que segue á súa oficialización, en 1981, de maneira que todo o que tivo a ver coa represión lingüística desaparece. O contexto histórico e cultural, as características lingüísticas e a sociolingüística anteriores aos anos 80 do século pasado son eliminados no temario da ABAU.

Isto non é todo. Xa che teño contado, Vicent, que o chamado decreto do plurilingüismo, aprobado polo primeiro Goberno de Alberto Núñez Feixoo, en 2010, prohibe impartir en galego materias como as Matemáticas, a Física e a Química e que, infelizmente, a presenza real e práctica do galego no ensino redúcese en moitos centros de ensino á propia materia de Lingua Galega e Literatura. Pero é que, ademais, o currículo educativo que estabelece a Consellaría de Educación continúa a desprezar a realidade cultural e histórica da Galiza, sobre todo no que atinxe ás materias de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, onde se reproduce un discurso españolizador que mesmo minimiza a importancia do Reino da Galiza e que o presenta como unha apéndice de Castela.

Comentarios