Opinión

Doses de realidade

E scribo este texto o mesmo día en que teño coñecemento de que a Secretaría Xeral de Medios da Xunta da Galiza excluíu, por segundo ano consecutivo, Nós Diario da liña de axudas a empresas xornalísticas e de radiodifusión malia cumprir os criterios recollidos na convocatoria. A denegación vén motivada “por non tratarse dun xornal impreso e distribuído diariamente”. E isto malia que as bases reguladoras non conteñen definición do que aos seus efectos deba entenderse como xornal diario. Si citan que as publicacións que concorran ás axudas “deberán estar incluídas no informe do Estudo Xeral de Medios” ou “no informe da Oficina de Xustificación da Difusión”. É esta última, que audita o noso medio, a que define diario como “publicación diaria impresa en papel” que se edita “catro ou máis días por semana”.

A convocatoria obriga todos os xornais en papel a empregaren a lingua galega “como mínimo en 10% do total da súa información” e emprázaos a se comprometeren a “manter ou incrementar progresivamente o uso do galego nas cabeceiras”. Resulta clamoroso o veto a Nós Diario cando é o único diario en papel no noso idioma, aquel que o resto de cabeceiras favorecidas polas citadas axudas empregan tan só unha vez ao ano nas súas portadas. Unha xornada que está próxima a chegar: o Día das Letras Galegas. É entón cando medios de comunicación subvencionados pola Xunta que traducen ao castelán entrevistas e declaracións realizadas orixinalmente en galego tiran de enxebrismo e difunden enquisas para que as galegas e galegos elixan a súa palabra preferida no idioma da terra nai: bolboreta, riquiño e orballo nunca faltan.

Sermos todas e todos

Se expoño isto nestas liñas é para valorizar, aínda máis, o papel de cada unha das persoas que estades a ler este Sermos Galiza especial 500 números, pois sen vós non somos. Sen vós non é posíbel practicarmos un xornalismo socialmente xusto, sen mordazas nin clientelismos. Sen vós non poderíamos estar celebrando a primeira das décadas dun medio que creceu até facer posíbel o que semellaba unha utopía: un diario en galego tanto na rede como nos quioscos.

O xerme de Nós Diario, infelizmente aínda hoxe unha rara avis do xornalismo na Galiza, por ser a única cabeceira no idioma propio entre a ducia de xornais diarios en papel que saen á rúa, é Sermos Galiza. E Sermos Galiza sodes todas e cada unha de vós: quen percorrestes quilómetros, alá por 2011, para difundir o proxecto que perseguía construír un espazo propio de comunicación; quen non vos deixastes influír polos discursos apocalípticos que lle auguraban pouco tempo de vida; quen acreditastes en acompañarnos na viaxe de Nós Diario.

Unha camiño por un xornalismo firmemente comprometido cos intereses galegos. Un camiño que nos levou a fiscalizar todo tipo de poderes e a sermos altofalantes de sectores e temáticas sen espazo nos medios de comunicación de masas. Un camiño construído polos grans de terra que achegades cada unha das persoas accionistas, subscritoras, lectoras, colaboradoras, anunciantes, traballadoras, todas plurais, que acreditades nun xornalismo independente. E, así, pisando en firme, cos pés na terra, queremos continuar pondo todo da nosa parte por consolidar un espazo de comunicación galego, entendido non só como aquel que emprega o idioma propio como fío condutor senón o que coloca Galiza como epicentro.

Grazas por confiardes en nós, por compartir os nosos acertos e por entender os erros que cometemos. Por continuar trazando este camiño para o futuro. Un futuro que só será próspero se acreditamos en nós mesmas. Neste número especial quixemos dar voz a persoas con moito camiño por diante, que representan a potencialidade da Galiza en distintos sectores. O futuro está en nós. Tamén o do xornalismo e o da lingua galega. Fagámolo posíbel.

*Aínda podes mercar o número 500 de Sermos Galiza para a súa lectura na rede a través da nosa loxa en liña, premendo nesta ligazón.

Comentarios