Opinión

A súa constitución

Supuxo a institucionalización dun modelo político que deu continuidade aos eixes reitores do réxime franquista. Validada polos sectores económicos e políticos que deran soporte á ditadura, garantida polas forzas armadas e coa monarquía situada como chave de bóveda, a constitución española blindou a natureza unitaria do Estado e o poder dos núcleos oligárquicos.

O herdeiro nomeado por Franco, Juan Carlos de Borbón, ficou atado á fronte da xefatura do Estado; o antigo secretario xeral do partido único da ditadura, Adolfo Suárez, xestionou o proceso á fronte dun Goberno formado por ministros con experiencia nos Gabinetes da ditadura e nas forzas armadas, dirixidas por militares curtidos na guerra civil española, foron recoñecidas como xendarmes dun texto que estabeleceu unha forma de Estado unitario, fortemente centralizado, baixo verniz autonomista. O seu modelo económico, baseado nos principios do libre mercado, resulta funcional ás necesidades de expansión do capital.

As posicións políticas expresadas nas últimas semanas por mandos do Exército son consecuencia do franquismo pos Franco 

As posicións políticas expresadas nas últimas semanas por mandos do Exército son consecuencia do franquismo pos Franco e da función asignada na constitución española ás forzas armadas. Os mesmos militares que participaran na represión contra os antifascistas ficaron nos seus postos e mesmo foron promovidos a cargos de máxima responsabilidade polos diversos Gobernos. O texto constitucional delegou no Exército a defensa da unidade de España, atribuíndolle este cometido no seu artigo 8.

O 6 de decembro fanse 42 anos do referendo polo que se aprobou a constitución española. Un texto que naquela altura non conseguiu na Galiza o apoio do 50% da poboación e sobre o que non puideron decidir todas aquelas galegas e galegos nados logo de 1960. A poboación menor de 60 anos debería ser consultada a respecto dos seus contidos e a súa modificación debería afrontase con normalidade. Se cadra, o problema é que a constitución foi referendada o 6 de decembro de 1978 mais ficou ratificada de facto co autogolpe militar de 23 de febreiro de 1981.

Comentarios