Opinión

A Toxa e o himno galego

É difícil titular unha columna, non é nada doado elixirmos un tema de conversa cada semana; manter un diálogo contigo, Luísa, cando penso como mudou todo, en todo o que ti non viviches desde marzo de 2004. 

Como decidir de que falar, como decidir se nos enfrontamos á realidade que vivimos ou observamos, sen máis, a representación do que se nos di que acontece. Vivir ou contemplar, vivir ou andar á espreita, vivir ou dar ou non que falar, vivir por e para o que dirán. Isto foi sempre así e segue a formar parte da educación; os muros das redes sociais, son o adro da igrexa, o torreiro da festa, as avenidas do paseo.

Pensei en roubarlle o título para a columna a Guy Debord, polo seu libro do que falamos varias veces, A sociedade do espectáculo. Moito pensei nel estes días, na representación no congreso, do que por veces semellaba unha opereta madrileña, con esas señorías que se negaban a utilizar un aparato para que unha tradución ao seu idioma patrio lles explicase o que dicían outras señorías en catalán, éuscaro ou galego; máis opereta cando podiamos comtemplar como estiraban o pescozo para ler nas pantallas a propia tradución do que se dicía. Lamentábel, como lamentábeis son as mentiras que se converten en verdade de tanto dicilas; as mesmas que  semella crer o candidato á presidencia do goberno, de tanto que as repite, é vitima da propia realidade que representa.

Feijoo vai volver de onde nunca marchou, en Madrid ten os días contados e Rueda estaba mellor antes. O certo é que o no Congreso, espido o candidato de presidente e tamén de líder da oposición, nin unha cousa nin a outra vai ser, fálanse outras linguas do estado e non pasa nada; só se avanza, como se avanza se se aprenden os significados de amnistía ou referendum; como se avanza se se entende a aplicación do artigo 155 da Constitución Española de 1978 en Cataluña; como se avanza se se comprende o importante que é votar para lle dar a volta ao parlamento, para lle dar voz ás nacións sen estado, ao feminismo e á defensa incuestionábel do planeta. Actuar e non contemplar.

Luísa, onte no Parlamento Galego, o maior estudoso sobre Pondal, o profesor e amigo da UDC, Manuel Ferreiro falou en nome de 16.000 persoas, que mediante unha iniciativa popular reclamaban a restauración do texto correcto do Himno Galego, un texto deturpado, non pola intervención popular, un argumento que semella servir para todo; un texto que ten grallas da impresión de 1905; grallas nun texto que é un símbolo nacional que é preciso corrixir, por sentido común. Estamos cantando con erros tipográficos. O PP e o PSdeG votaron en contra da ciencia, do estudo filolóxico e  da sociedade, a ILP, que levou adiante Vía Galega. Non se trata dun texto escrito con faltas de ortografía, dun tempo en que non había norma escrita, trátase do Himno.  

Demasiados acontecementos para esta semana, hoxe el Rei emérito está a só uns quilómetros do  fillo Rei en activo para inaugurar o espectáculo da Illa da Toxa, con Rajoi, con Rueda para tratar “nun espazo amábel de grandes asuntos do noso tempo”, nun espazo que non existe. O pobo que celebra o galego no congreso, reclama a restauración do Himno e sae a rúa: a Toxa é a Toxa.

Para celebrarmos esta semana Materia de Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía. Sei que te alegras, Luísa, sempre poesía en que salvarse.

Comentarios