Opinión

Na terra, de Compostela ao Castro de Ortoño

Luísa, Benquerida amiga, un grupo de algo máis de cen persoas, convocadas polo Museo do Pobo Galego e polo Consello da Cultura Galega, realizamos o 12 de outubro un roteiro desde a Alameda de Compostela até o Castro de Ortoño, unha homenaxe a aqueles mozos do Seminario de Estudos Galegos. Fora Lois Tobío, un mozo de dezasete anos, quen lle falou a Fermín Bouza Brey das relacións familiares, por liña paterna, coa autora de Cantares Gallegos; faláralle do trato da súa vella tía Minia, nesa casa, coa poeta nos seus anos mozos. Esta é a razón pola que o día 12 de outubro de 1923 deciden botar a andar desde Compostela á casa de Ortoño para constituíren, como xeito simbólico, o SEG. Tratábase de vencellar o nacemento dun novo proxecto de entrega ao país co nome de Rosalía de Castro, co Rexurdimento.

É así como cómpre entender o rito, como unha peregrinación laica para aprehender a terra, sentila nos pés, descubrila como propia, para dotar ao pobo de lugares simbólicos relacionados coa súa identidade. Desde aquela, O Castro de Ortoño é un deles, como o Pico Sacro ou Santo André de Teixido. Unha inscrición en pedra no muro do torreiro da propiedade lémbra a data.

O roteiro levounos por lugares e aldeas que Fontán situara no mapa e que algunhas íamos descubrindo por vez primeira, ao abandonarmos as estradas e entrarmos nos camiños. Despois da ofrenda floral algunhas comprobamos abraiadas, o abandono que oculta a memoria que figura en dúas inscricións na fachada da casa, que lembran a relación de mesma con Rosalía de Castro e co SEG. Un tubo prateado de saída de gases impide a visión e lectura das dúas placas. Que responsabilidade ten quen posúe a casa e quen debe coidar dun patrimonio material ou inmaterial do pobo? Pola parte de atrás da propiedade nun camiño figura no desleixo o letreiro que sinala estarmos nun punto da Rota Rosaliana.

No regreso pensei que honrarían o rueiro de Compostela os nomes de Margot Sponer e Dorothè Schubarth. A primeira é pioneira na investigación sobre a lingua galega medieval e moderna, autora da tese Altgalizische Urkunden, vinculada co SEG desde 1926, pertencente ao Seminario de Románicas da Universidade de Berlín, representa moi ben esa mocidade que percorría a terra para construír pontes. Recoméndoceh o libro de Antón Figueroa, Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, onde dá conta da súa tráxica morte polo nazismo.

É a amiga churrusqueira e graciosa, moi seria e competente no seu labor, que conversou sobre fonética galega con L. Tobío como lembra nas súas Décadas de T. L. Pontes tamén son as que construíu D. Schubart ao agasallarnos co froito do seu andar a terra, o Cancioneiro popular galego, continuadora co labor soñado no SEG. Dorothè na vila é un documental de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, un mozo e unha moza que andaron os camiños da Dora e procuraron as voces que corenta anos antes cantaran o cancioneiro, son mocidade herdeira de quen aprendeu andar na terra. Documental ligado a ti, recibiu o Premio Luísa Villalta, a proxectos pola igualdade, unha homenaxe a ti da Deputación da Coruña.

Xa queda menos se o que pretende Sharon é o exterminio dos palestinos. Escribiches nunha columna. Moito menos. Netanyahu fai ben o seu traballo. Palestina e nós, na impotencia fronte á superpotencia.

Comentarios