Opinión

Recuperar a praza

Unha liña imaxinaria horizontal marca os días que vivimos. Cando estudabamos literatura, case sempre eran autores, eran liñas verticais, contra o remate e co século alí estaba a Xeración do 98. Unha nova ringleira comezaba o século XX, foi entón cando a imaxe da nosa vida e a imaxe do século, se toparon no camiño e a horizontal se cruzou na vertical e contra o ensino e sendo autodidactas as mozas da miña xeración, como as que nos precederon antes, engadimos as datas que incluían ao longo da historia ás mulleres que saían da súa vida privada e ían poñendo os pés e a razón na pública. Tamén autodidactas, todas e todos, ubicamos nos anales a historia do mundo que nunca nos contaran, a máis próxima, a dolorosa represión que atenazou palabras e vidas nada máis chegaren os mandos triunfais do franquismo, do que nunca nos falaran. Lembro o meu pai dicindo nun xantar que todo o que lle contaran era mentira, a mentira de Numancia, a da virxe do Pilar que nunca quixo ser francesa, a da mesma virxe que evitou a explosión de dúas bombas na basílica en 1936, a da voz do General Moscardó, do Alcazar de Toledo e da fazaña gloriosa de Guzmán, el bueno.

Non contar a verdade é mentir, iso sabemos; non contala e ocultala obedece a múltiples estratexias. Por que aínda hoxe o alumnado estuda a historia comezando nesas primeiras ringleiras de séculos verticais, insistentemente, e nunca chega a ese momento en que a liña vertical do século se cruza no tempo coa liña vital das súas maiores máis próximas ou coa súa propia vida? Por que a historia máis recente está máis ausente ca nunca das aulas nos institutos? Por que o alumnado de hoxe non pode ter unha conversa, non ten datos, do que está acontecendo en Palestina? Por que non sabe nada de Israel? O alumnado aprobará a selectividade e a estratexia de desvinculalo do seu tempo, de ter guiado a súa vida en pasos seguros, sen lle aprender a cuestionar nada do que se lle pon diante, todo cociñado, para trunfar no máis absoluto dos fracasos, non saber nin por onde comezar, esa estratexia dará os seus froitos. Vida e aprendizaxe virtual, darán os seus froitos.

Mentres tanto en Palestina seguen matando en criaturas e aquí sen explicar razóns; mentres tanto as fantasmas de Carmen Polo e de Franco habitan, moven e removen os bens no Pazo de Meirás, porque o franquismo segue entre nós. De nada disto se fala. Mais o alumnado rematará os seus estudos sabendo do nazismo de Alemaña, do faszismo de Italia, terá asistido a algúns filmes que traten da besta de Hitler, terá lido algún libro protagonizado por nenos de pixamas de raias, por nenas ocultas que van narrando os seus días e nada saberá, nin estudará e poida que ninguén lle fale das alamedas do terror próximas onde naceron as rosas de ninguén antes de Auschwitz. E poida que ninguén pronuncie nunha aula a palabra Palestina, fillos e fillas dun tempo máis recente de quen non entrou na praza para berrar e desexar: Palestina vencerá! De Palestina escribiu Xela Arias, axitando conciencias, avergoñémonos aprodrecidos(as) occidentais nos nosos solos de préstamos bancarios. De Palestina e de despois de Auschwitz é preciso falarmos, entrarmos nas prazas! Contra a estratexia, á praza!

Comentarios