Orgullo na Horta das Chas

Cómpre celebrarmos o 28 de xuño, tan lonxe e tan perto, dos sucesos que aconteceron no pub Stonewall inn en Greenwich Village, Nova York, na noite dese día en 1969. Lonxe na distancia e no tempo, vivimos un serán especial na Horta das Chas en Compostela, para celebrarmos a vida de María Salvado Pazos e un novo libro de poesía de Andrea Nunes Brións con moito orgullo; lonxe daquela noite neoiorquina, polos dereitos conseguidos; perto pola ameaza que supón o totalitarismo que tanto nos abraia, tan inocentes somos, que pensamos que cando os dereitos se conseguen fican para sempre.

Non pensaba en nada disto o serán de calor deste 28 na Horta das Chas, nese lugar único, un xardín secreto, en que se xunta natureza e literatura, palabras e cantos de merlos e outros paxaros, nunha Compostela agasalla con recantos, privilexiados e case descoñecidos, para transitar felices. Hai dez anos que neste día se celebra unha festa, tan vinculada ao proxecto da Editorial Chan da Pólvora, tan vinculada a María Salvado, falecida no último novembro; proxecto editorial que une o chan da Illa de Ons, onde se pensou e os socalcos desta horta. Lembramos María, a mestra incansábel e a cidadá comprometida coa xustiza, unha das almas da horta, onde probamos as primeiras ameixas desta anada. Chamamos por ela, para que nos sentise e non nos deixamos vencer pola pena. A vida e a morte van da man da poesía tamén para nos xuntar.

Mapa de estría é o título do libro de Andrea Nunes Brións, que a poeta Ana Romaní nos presentou, convocando coas súas palabras María Salvado e Begoña Caamaño, que será a autora homenaxeada nas letras e que ten un lugar neste mapa vivencial, na cartografía deseñada pola autora, "De Circe a Penélope (ou viceversa)". Queremos a Nunes Brións desde aquel libro Todas as mulleres que fun (2001), no actual podemos ler a prosa poética, o seu agradecemento ás mulleres-escritoras, o seu alento en "Todas as leituras que fun"; desexamos a escrita de Nunes Brións e gozamos con ela e mais con María Rosendo, nesa obra a catro mans, na Diáspora do amor balea, en que o amor á igual, á irmá, converteu as marxes en vizosas paisaxes, e aínda máis, lemos con pracer Tributo a Safo. Esta disidencia que habitamos, ese sublime diálogo con Renée Vivien, como se a amazona e a eminente cuir confesa, fosen dúas irmás-poetas siamesas.

Lean Mapa da estría, empaticen e comprendan que a poesía vai mudando como muda a vida, como un retrato que nunca é imaxe detida no tempo, detéñanse no últimos dos textos, "Nota da autora" que non sobra, tan ben escrito como está, tan necesario e valente, "por mor de medos e de incoherencias propias, por mor da vida". Acariñen a(s) estría(s) como carreiros nun corpo que é vida e fala, que nos agasalla coas feridas, coas alegrías que tamén fican, todas pegadas polo andar no mundo coas vivencias cotiás, na China, Guiné Bissau, Vietnam, a India, México ou Italia e sempre con ese lar primeiro; coas vivencias da indomable, que nos fala, querides.

Lean este libro de amor aos corpos e amantes, ás culturas e ás linguas, mesmo a aquelas en que unha "branca pelele" chega a pedir perdón. Abstéñanse as lecturas turísticas, non hai pasaxes cómodas para rabuñar océanos, nin para sachar "serragotos inmensos", nin calzado apropiado para "montañear", nin tendas de "souvenirs". Lean con orgullo.

Comentarios