Opinión

Dez anos, con-Nós-co

Pai, lémbrote todos os días e este mes de xuño chégame a túa imaxe no hospital orgulloso mostrándolle ás enfermeiras o Sermos Galiza, explicándolles o nome. Con entusiasmo, dicíndome que había que situalo en lugares estratéxicos, desde as cafeterías até as salas de espera, para que as persoas descubrisen que era necesario, que non había outra maneira de chegar a todo o mundo, que non nos ían dar cartos, nin axudas, que tiñamos que facer nós todo coma sempre, que ía ser complicado mantelo no mercado, nas casas, nos bares e nas escolas; que había que levalo aí, sobre todo pola lingua, dicías; polas persoas das que se fala tamén, engadías; polos lugares, estaría ben saíren todas as parroquias do país, cando a parroquia funciona, funciona todo, insistías. Creo que nunca falei tanto contigo na vida como eses poucos meses, foi unha sorte poder coidarte e estar contigo no teu último alento, aprender que a morte pode deixarnos esa paz infinita, sosego e amor para sempre. Mira que discutiramos na vida e foi poñéreste enfermo e establecermos unha complicidade que aínda hoxe se mantén en min inquebrantábel. Por iso quería celebrar contigo estes dez anos e dicirche que contra todos os prognósticos seguimos aí.

Nestes dez anos as novas tristes e catastróficas son as que enchen páxinas e marcan os titulares; as novas felices e alegres que existen, constrúen vidas persoais, familiares, celebran as festas  parroquiais mais non chegan aos xornais, a vida na súa felicidade tranquila non é noticia e isto é bo. Ás veces convértese en extraordinaria, abandona o banal, o cativo, e dá un titular. Foi sorprendente que os esforzos que sementaron Sermos Galiza nos puntos estratéxicos das casas, das escolas, dos bares, rematasen tirando en 2020 un xornal diario que se chama Nós Diario, contra todas as adversidades, a felicidade da identidade e o mantemento de Sermos Galiza, que sae os sábados. Desde a terceira feira até o sábado á venda nos quioscos, tamén dos hospitais e dos aeroportos; por feiras, como nos aprenderon e como falaban os avós Felicianos, para revitalizarmos a lingua. Esta é a boa noticia.

En Nós Diario houbo que tratar desde o respecto novas duras e moi tristes: un accidente de tren na curva de Angrois, preto de Compostela, morreron moitas persoas e séguese reclamando xustiza; a explosión dunha pirotécnica ilegal na parroquia de Paramos en Tui, morreu unha parella de orixe marroquí que deixou dous nenos orfos, trinta vivendas arrasadas e máis de trescentas que sufriron danos, e o peor, apareceu un virus que percorreu o mundo, a Covid-19, fechounos nas casas, púxonos máscaras, meteunos medo e mudounos a vida. Segue habendo guerras e móvense os marcos nas alianzas, a Europa aféctalle a de Rusia con Ucraína, o fracaso do diálogo. A coartada perfecta para a suba da luz que xa aguilloaba os fogares, para o aumento do prezo do gasoil e para abandonar o Sáhara.

Houbo novas boas: Oliver Laxe levou ao cine O que arde, as Tanxugueiras dixéronlle ao mundo que non hai fronteiras; habelas, hainas, mais pódese demostrar que estamos no mundo e que é de celebrar a dignidade. A oposición ao goberno da Xunta de Galiza está liderada por unha muller dunha aldea cun nome fermoso, Chorente, que sabe cantar.  A banda de gaitas de Paramos desfilou o día de San Patricio por Nova York. Pai, seguimos aquí con-Nós-co.

Comentarios