Opinión

Neve de agosto. Nos tempos de hoxe pasan cousas que están fóra de tempo

O título desta colaboración é un préstamo do poemario de Nieves Neira. Fai referencia a cousas excepcionais que pasan fóra do seu tempo. E nos tempos de hoxe pasan cousas que, entendemos, están fóra de tempo ou lévannos a tempos que tiñan que quedar atrás en canto propostas que implican un retroceso para a vida en sociedade. 

Para comezar o verán leo nun xornal que o PP de Oleiros protesta por un mural pintado polo artista Joseba. O artista baseouse para esa obra nunha fotografía vella, 'Nenas de folliñas 84', na que se ve un desfile de mozas co chamado traxe tradicional. A última persoa sae cortada e o artista sitúa a cabeza dun can pechando o desfile ou procesión.

O can é o tema da disputa. O elemento que non se "interpreta" e, ao non seren capaces de interpretalo, a lectura que se fai da obra é negativa, tanto no que respecta á imaxe que dá da comunidade como á creativa do artista. Descualifícase o artista polo que representa sobre o pinchón dunha casa.

Hai anos fixen traballo de campo etnográfico sobre festas e romarías. Lembro a cara dunha informante cando me contou a historia dunha familia que tiña o fillo enfermo e ofreceran a mellor vaca á santa se curaba. O día da festa a vaca foi poxada e "a vaca fui na procesión", exclamou. O contexto actual de macrogranxas afasta ás vacas desta relación máis estreita entre as persoas e os animais domésticos (antes tiñan nome, agora un número), agás dos cans, gatos ou cabalos, como teño visto á porta dalgún santuario, caso do da Agualada, animais que non son parte da economía dunha familia.

A procesión é un momento importante nas festas locais e nas romarías. Nela temos unha imaxe da comunidade que a celebra. Mais o que cabe destacar no caso do can é que o traballo do artista molesta a algunha xente, e faino en tempos nos que moita arte é case insípida socialmente, que non pretende molestar, senón agradar. Podemos traer aquí o que escribiu Luís Seoane en 1934: "É indudabre que o arte é internazonal, pero o artista debe ser nazonal e a súa obra terá a forza da realidade que o enmarque".

Outra "excepción" estival ten que ver con outra procesión. Esta ven a conta da romaría de Santa Marta de Ribarteme. Alí o crego non quixo que os ofrecidos foran nos cadaleitos na procesión. Para este señor seguir mantendo estes rituais é "fomentar supersticións, folclore ou bruxería"  e nada ten que ver co evanxeo que el seica predica.

A comezos do verán acudín a outra romaría na contorna de Compostela, unha área onde predominan xa as vivenda residenciais. Prestei algo de atención ao sermón do crego dirixido a unha xente romeira que atendían a misa á sombra dunhas frondosas nun día caloroso. A mensaxe do crego viña a dicir que para falar con Deus non é preciso dun santo ou santa que fagan de intermediario ou intermediaria. A súa mensaxe ía por camiño moi distinto aos motivos polos que, con toda probabilidade, acudían moitos e moitas dos romeiros e romeiras nese día ao santuario. Seguro que a maioría estaba alí por que crían na intermediaria e acudían cunha promesa na procura dunha solución a un mal. A promesa, segundo o antropólogo William Christian é a unidade básica de relación entre o santo ou santa e a persoa para resolver un problema. Un contrato sagrado no que a santa ou santo teñen que facer de mediadores. Seguramente outros e outras acudirían por costume, por ser unha festa inscrita nun sistema de cultura local e ir ese día á romaría é participar dun sentir común que reforza os lazos de pertenza á comunidade, ten que ver coa identidade local. E seguro que tamén houbo quen acudiu por motivos lúdicos e acabar comendo unha ración de polbo ou botando unhas bailas. Ir de romaría forma parte dunha paisaxe social, dun xeito de construír o vivir en sociedade. Cabe lembrar aquí os versos do poeta muxián Xervasio Paz Lestón, emigrado na Arxentina. Nunha visita á casa natal, coincidindo coa festa patronal, levou o santo na procesión: "e leveite en procesión / (sin fe, pero con respecto)".

Estamos ante unha falta de respecto para os que teñen outro sistema ou cosmovisión de concibir as relacións co sagrado.

Comentarios