Opinión

Galegos d´Ouro, a achega galega a unha paisaxe Patrimonio da Humanidade

Camiño polas rúas da cidade e detéñome a mirar o escaparate dunha libraría de vello. Un libro chama a miña atención. Son as viaxes do terceiro conde de Carnavon pola península Ibérica (non confundir con outro posterior conde de Carnavon, exiptólogo, morto no Cairo dunha infección ou da "maldición de Tutankhamon"). Lérao hai anos nunha biblioteca na edición inglesa de 1837, deténdome especialmente na viaxe desde Lisboa até Galicia. Descoñecía esta edición de 1967 resumida en español.  

Daquela lectura quedoume especialmente a imaxe do que dicía da xente galega traballando no Alto Douro. Agora a mirada cara a esta capa do libro pode que tamén estivera influenciada por outras imaxes acumuladas recentemente, como a nova da presentación dun documental, Galegos d´Ouro, que recrea a historia de vida dos galegos na estruturación da paisaxe viñateira da rexión demarcada do Douro, hoxe patrimonio da humanidade; tamén da realización dun encontro galego-norte de Portugal que hai pouco tivemos no Museo do Pobo Galego e no que participaron, entre outros, dous museos do Alto Douro: o Museu do Douro de Peso da Régua e o Núcleo Museológico do pão e vinho de Favaios, lugar este onde predomina a produción de moscatel das castes denominadas 'moscatel galego branco', seguramente levadas por galegos.

En moitas mesas durienses no Nadal non se pon bacallau na mesa, senón polbo

Non quero determe agora en analizar ou comentar as aventuras deste viaxeiro inglés e das observacións, algunhas negativas, que fai sobre nós, outras como que suxire, chegando a Compostela, que a pataca substituirá á castaña xa que ve o seu cultivo moi estendido. Tampouco doutras finas observacións, como a que fai sobre as lendas de mouros dicindo que aínda que esta "raza" desapareceu, a xente pensa que o seu poder non se extinguiu. Carnavon, que viaxa despois do trienio liberal, entra por Tui, pasando por Vigo, Caldas, Santiago de Compostela, Ferrol e Lugo. Mais agora, aquí, quero quedarme no Alto Douro e mostrar a súa descrición do que alí facían os galegos nesa terra produtora de viño. De Lisboa diríxese cara a Trás-os-Montes, pasando por Lamego e Peso da Régua, convidado case sempre en quintas de viñateiros. Cando vai cear a unha destas na zona da Régua escribe o seguinte:

"As uvas estaban acumuladas nun espazo cercado próximo á casa do dono, e varios galegos estaban pisándoas con coidado: desde as seis da mañá até as doce da noite. Esa pobre xente estaba somerxida até os xeonllos no frío zume, e reciben unha remuneración moi baixa cando rematan o seu traballo incómodo; máis aínda, entréganse sen murmurar á súa desgraciada sorte e son agradecidos ante calquera sinal de amabilidade, enganando o tedio das horas cantando baixiño tristeiras e conmovedoras coplas. Os galegos son sempre empregados nesta fase do proceso, pois os animosos portugueses non aguantan este esforzo tan dorido e continuo; é máis, consideran a paciencia dos seus humildes veciños parecida á estupidez, míranos con desprezo e cheos de confianza afirman que deus primeiro fixo aos homes e despois aos galegos".

O Alto Douro é hoxe unha paisaxe cultural declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 2001. Mais para que esa terra chegase a ser produtiva houbo que domala, converter as montesías ladeiras de xisto en terreos aptos para plantar as vides, erguendo millares de quilómetros de muras que amparasen a terra e evitasen que a auga escorrera ladeira abaixo. Logo a finais do século XIX, cando a filoxera desbastou as vides, foron galegos os que fixeron as novas plantacións.

O traballo duro foi feito pola xente galega, emigrantes temporáneos ás terras durienses durante uns dous séculos e que contribuíron a crear unha paisaxe recoñecida mundialmente. O documental Galegos d´ouro recoñece este traballo dos galegos máis alá da expresión "trabalhar como um galego" que aínda se usa para cando se refiren a un traballo penoso. Douscentos anos antes, un viaxeiro inglés viu tamén ese traballo duro e recoñeceu o esforzo desa xente que buscaba un cativo sustento.  

A presenza galega na construción dunha paisaxe singular vai máis alá dos socalcos e do nome dunha caste. Está, segundo dixo o responsable do museo de Favaios, en costumes como que en moitas mesas durienses no Nadal non se pon bacallau na mesa, senón polbo, e, tamén na xenética. Recuperar esa memoria é un traballo a facer.

Comentarios