xoves 29/10/20

A cen anos de ‘Nós’ cunha lembranza de Geogiana Goddard King

Celebramos e conmemoramos neste mes de outubro os cen anos da revista Nós. Celebramos para poder seguir mirando ao futuro, conmemoramos para recoñecer o paso do tempo. Celebramos e conmemoramos para recoñecérmonos e resituármonos, unha ritualización da continuidade histórica, de tender unha ponte entre o que foi e o que está por vir, estabilidade e desexo de futuro.

A celebración deste aniversario podemos entendelo como un rito de intensificación (facendo uso da terminoloxía do antropólogo James Fernández McClintock), intensificación e exercicio da memoria colectiva. Os estudosos dos rituais din que estes marcan e distinguen os tempos, pero tamén os enlazan, e toda sociedade e cultura enlaza desde o presente o pasado co futuro. O futuro está aquí, está agora, como canta un vello roqueiro irlandés.

Á xente de Nós debémoslle o intento de modernizar e actualizar o noso discurso cultural e situalo nun paralelo internacional. Unha mostra deste afán de levar fóra a nosa realidade cultural, coñecérmonos para que nos coñezan e para coñecelos, poden ser as relacións e intercambios que o Seminario de Estudos Galegos (SEG) tiña con universidades e centros de estudos estranxeiros, así como con intelectuais interesados en aspectos concretos da nosa cultura, como podía ser o norteamericano Walter Muir Whitehill, a primeira persoa en transcribir o Códice Calixtino. O SEG tiña interese en dar a coñecer ese libro, por entón só coñecido por uns poucos especialistas, en facelo accesible. Mais chegou a barbarie e paralizou esta apertura ao mundo e á xente.

Neste afán de busca dunha posición en paralelo a outras culturas normalizadas a partir de nós, incluímos o recibimento a estudosos que ao mellor chegaron aquí por outros camiños. Este pode ser o caso de Georgiana Goddard King, tamén norteamericana. No mesmo ano que saía o primeiro número da revista Nós, ao outro lado do Atlántico saía publicado The Way of Saint James, grazas ao apoio do patrón da Hispanic Society of New York, Archer Milton Huntington, axuda tanto para a súa edición como para os varios anos de investigación, sete con tres de “vagar polos camiños”. Foi un traballo pioneiro no seu tempo nos Estados Unidos de América e que daba forma a unha certa tradición norteamericana polas cousas da península Ibérica. Non se pode negar que detrás deste interese, neste caso pola arte, hai un certo exotismo, un ir a un lugar onde as tradicións aínda eran “auténticas”, non contaminadas polo progreso. Mais este interese e curiosidade tamén serviu para mellorar o coñecemento sobre nós e que nos coñezan.

Esta obra, non é a única na que trata temática galega, é un estudo en tres volumes ben documentado sobre o camiño de Santiago, continuando máis alá de Compostela, pasando por Padrón, Muxía ou Fisterra. Unha copia dunha das fotografías do libro, aquela na que aparece o cruceiro gótico de Fisterra no seu emprazamento orixinario e envolto na néboa, está exposto nalgúns bares desta vila como un símbolo fronte a un urbanismo desbocado e nada respectuoso coa historia. 

Unha muller viaxando sosiña polas vilas e aldeas para estudar os monumentos artísticos, moitas veces en dilixencia, coa cámara ao lombo, debía ser unha imaxe cando menos sorprendente que, como muller, máis das veces lle traería problemas e non vantaxes. A autora formouse no Bryn Mawr College, o único centro que daquela facilitaba a especialización universitaria ás mulleres, e a el volvería como profesora rexeitando outra substanciosa proposta da Hispanic Society.

Esta precursora dos estudos sobre o románico nos Estados Unidos de América tamén mantivo contactos cos intelectuais galegos ou estes procuraron a súa presenza para difundir a nosa realidade cultural. Carré Aldao, exercendo como presidente en funcións, recibiuna na Real Academia Galega, institución que a nomeou correspondente en 1926, sendo tamén recibida no concello da Coruña.

O traballo desta autora foi precursor nos Estados Unidos e precursor tamén aquí, pois na obra hai máis que unha análise estilística, hai datos etnográficos, é o relato dun choque cultural e un libro de viaxes. A cen anos da súa publicación algunhas das propostas que presenta están superadas mais, e cun Xacobeo á vista, ben merecía unha edición na nosa lingua, pois é un libro raro nas nosas bibliotecas.

A cen anos de ‘Nós’ cunha lembranza de Geogiana Goddard King
comentarios