Opinión

As cartas da antropóloga invisible

Nos manuais clásicos de antropoloxía o traballo de campo entendíase como a estadía durante un tempo prolongado nunha comunidade. A persoa que trouxo aquí este xeito de busca do dato etnográfico foi Carmelo Lisón Tolosana, antropólogo aragonés formado na universidade de Oxford cun dos principais representantes da antropoloxía social británica, con Evans-Pritchard. Mais a del foi unha estadía multisituada, pois dedicouse a percorrer Galiza de leste a oeste e de norte a sur, permanecendo nos lugares ás veces uns poucos días e, ás veces, unhas poucas horas ou volvendo varias veces a un lugar, como ao Corpiño. O obxectivo era recoller datos para elaborar unha tese de doutoramento centrada no mundo das crenzas. Eses datos están na base dos doce volumes que conforman a súa Antropoloxía Cultural publicados entre 1971 e 2016.

Aínda que houbo un primeiro contacto en 1963, o forte deste traballo de campo tivo lugar ao longo de 1964 e 1965. Lendo os volumes deste proxecto un pode entender que o traballo foi froito do solitario e teimudo labor dun antropólogo nun país cun rural aínda moi vivo e cun mundo simbólico propio e creativo. Mais agora sabemos que o antropólogo viña acompañado da súa muller, persoa que axudou neste proxecto, que tamén levaba unha libreta para anotar, aínda que non aparecerá citada até unha das últimas obras do seu marido. Agora, a fundación que leva o nome deste casal, Lisón Donald, vén de publicar as cartas que Julia Donald enviaba aos seus pais residentes no moi turístico distrito dos Lagos, ao norte de Inglaterra. Un total de sesenta e nove cartas entre o 7 de marzo de 1964 e o 19 de setembro de 1965.

Cóntalle aos pais os contactos que facían para que lles proporcionasen informantes e poder recoller datos etnográficos, como se desprazaban (a cabalo, a pé ou en coche con continuas picadas nas rodas), que comían nas casas labregas, das malas condicións de moitas das pensións nas que se hospedaban ou de como eran recibidos pola xente ou pola garda civil. Entre os contactos acudían preferentemente a cregos, médicos, veterinarios ou avogados para que lles presentasen xente á que preguntarlle sobre costumes, crenzas e modos de vida. Algúns destes contactos son coñecidos: o crego Elías Valiña no Cebreiro, Xesús Taboada en Verín, Alfredo García Alén en Pontevedra e o seu irmá Luciano en Compostela (este operará a Julia de apendicite na véspera do 25 de xullo e non lle cobrará), María Mariño no Courel, o "moi poeta" Manuel María e Saleta en Monforte de Lemos que viaxarán xuntos a Compostela o Día das Letras de 1964 para asistir ao acto organizado pola A.C. O Galo. Manuel María tamén os convidará á casa de Outeiro de Rei a pasar a romaría de Santa Isabel. Doutros non dá nomes, mais polos datos que achega podemos nomealos, Vitoriano García Martí, Xaquín Lorenzo, Álvaro Cunqueiro, Eliseo Alonso.

Mais non sempre os informantes falaban abertamente. Ás veces quéixase de que teñen "mala sorte" e non obteñen "ningunha entrevista interesante". Tamén nos mostra os roles de xénero entre os antropólogos. Mentres el transcribía as cintas ela podía facer a colada semanal. Igualmente fala dos encontros con colegas estranxeiros que daquela tamén andaban por aquí, como o danés Gustav Henningsen ou a inglesa Nina Epton, ou nos dá a súa opinión sobre algúns asuntos. Así, cando están en Viana do Bolo di que a vila está rodeada de auga, mais a presa non é para beneficio dos do lugar, pois os beneficios van ás mans dos directores das eléctricas que se fan millonarios.

Desde hai unhas décadas as cartas, documentos de orixe persoal, son vistas como claves para a análise dunha realidade desde unha perspectiva máis micro. As de Julia Donald son documentos para entender o modo de como foi construída unha das obras importantes da antropoloxía; tamén para ter outra mirada sobre este país, en certo modo "atractivo" para unha antropoloxía que non deixara atrás a mirada até certo punto exótica e colonial, como o mostra por exemplo a falta as referencias aos nosos etnógrafos clásicos.

Comentarios