Opinión

As Caldeiras do Castro

No caderno de verán mmáis deste xornal do sábado 27 de agosto pasado, e no apartado "Máis pozas. A perderse ao río", as pozas que se sinalaban eran as Caldeiras do Castro, na parroquia muxiá de San Pedro de Coucieiro. Hoxe é un lugar concorrido, mais non sempre foi así, entre outros motivos porque a estrada que leva até o lugar do Castro é recente; tamén por descoñecemento, pois non saían nos medios nin nas redes.

Teño que dicir que aínda que son natural desa parroquia non me acheguei a ese lugar até que estaba na Universidade. Entón fun porque ía facer un traballo de curso sobre o castro. E alí atopei a Manolo do Raballón, un home da xeración do meu pai. El axudoume a ver e ler a riqueza patrimonial dese lugar que, como toda paisaxe, é moito máis que unha bonita postal. Daquela a pequena fervenza e as caldeiras, as cavidades que a erosión fai nas rochas, eran un elemento máis nunha paisaxe totalmente semantizada. Castro, mámoas, casas, hórreos, capela, cruceiro, posados, lendas, valos, toponimia, ergueron, nunha realidade relacional, unha paisaxe, unha construción social. Estes eran elementos dunha memoria e, como lle lin hai pouco a Manuel Pazos, se non hai memoria, todo o presente é marabilloso.

O coñecemento é un dereito democrático que enriquece a cidadanía. Se non coñecemos a carga semántica do territorio non chegaremos a aprecialo

laro, hai un cambio de valores. Hoxe toda a xente que acode a este lugar faino para achegarse ás pozas e bañarse ou gozar da natureza. Non era así noutro tempo. Lembro preguntarlle a Manuel do Raballón se ían bañarse ás caldeiras. A resposta foi que non, que os vellos non deixaban, dicían que no fondo había un encanto cunha tesoira. Ademais, había un túnel desde o castro ao río por onde os mouros levaban os cabalos a beber, aínda que el nunca o vira.

Nas primeiras visitas a silueta do castro era perfectamente identificable, así como as súas defensas, pois nel pastaba o gando e na croa habitaba unha familia nunha casa labrega coa data gravada no lintel. Hoxe medran os toxos sobre o castro o que imposibilita recoñecelo e as hedras do abandono comen a casa do século XVIII.

Antes de chegar ao río pasamos pola capela que, como se di no xornal, foi teitada con zinc no ano 1999. Até entón estaba en estado ruinoso, mais podiamos ver o seu retablo de pedra de feitura popular. Agora desde a misa inaugural non volveu abrir as portas. Un patrimonio oculto. A capela, privada, apenas tivo culto uns poucos anos (finais do século XVII) mentres no lugar vivía un crego. Sen culto, aproveitouse a pedra dun lateral para construír un cabazo, mais seica o millo podrecía, o que parou a desfeita da capela. Cara a finais do século XX un veciño engadiulle unhas uralitas para gardar o tractor, cousa que conta Manuel Rivas en Costa da Morte Blues: "alguén fixo con uralita un chamizo adosado para un tractor que parece parado desde hai anos…". Desaparecido o culto a xente acudía ao lugar porque o santo, santo Eutel, que se gardaba na casa do castro, era avogoso contra as mordeduras dos cans rabiosos.

E poderiamos seguir o percorrido por máis elementos e máis lendas de mouros e franceses. Mais non se tivo en conta todo este patrimonio á hora das actuacións neste lugar para "poñelo en valor". Non se procurou identificar e recoñecer a súa riqueza patrimonial. Foise ao bonito.

O coñecemento é un dereito democrático que enriquece a cidadanía. Se non coñecemos a carga semántica do territorio non chegaremos a aprecialo. Non será territorio, só espazo baleiro, sen recordos. O territorio é unha transformación humana da paisaxe natural ao longo dos séculos. Os elementos naturais son importantes na súa caracterización, pero a clave está no que os humanos imprimimos sobre esa pel. Teriamos que facilitar a lectura, facelo desde o presente, e procurar reorientala cara a sociedade actual.  

O territorio era un espazo de identidade xerado pola historia e a vida en común e dando lugar a sentidos de identificación, pertenza e diferenza. Agora a paisaxe é un produto máis e o territorio está desterritorializado, pois a menor intensidade de uso menor intensidade na creación de valor.  

Comentarios