Opinión

Pode un columnista próximo discrepar do que decidiu unha asemblea democrática?  

Un dos comentarios ao último artigo que publiquei, aquí en Sermos, cuestiona a pertinencia de criticar en público decisións que toman as organizacións no exercicio da súa democracia interna. É un tipo de comentario que teño lido outras veces e que alude a unha cuestión importante: a lexitimidade dos que compartindo máis ou menos o ideario dunha organización ou incluso, ás veces, sendo membros dela, opinamos nos medios de comunicación de forma diferente á establecida, por exemplo, nunha asemblea.

Nótese que non se trata das opinións dun columnista proclive ao adversario político. Os artigos de Roberto Blanco Valdés, por exemplo, dubido que provoquen nin frío nin calor nun simpatizante ou dirixente nacionalista, aínda que pode que si na parte máis circunstancial e volúbel do seu electorado. Do que falamos aquí é das dúbidas que pode provocar un opinador próximo e polo tanto críbel cando menos para unha parte dos militantes. Dúbidas que a propia dirección da organización non pode controlar e que, en ocasións, incluso se ve obrigada a esclarecer facendo un “molesto” sobre esforzo interno de debate.

Do que falamos aquí é das dúbidas que pode provocar un opinador próximo e polo tanto críbel cando menos para unha parte dos militantes

 

Este é o problema. Nada banal cando unha organización xa conta con poucos amigos nos medios. 

Eu, como xornalista, defendo, por suposto, o meu dereito a opinar coa maior liberdade posíbel, en todo momento. A miña credibilidade baséase precisamente niso, en non ser un simple amplificador ou argumentador previsíbel de ideas preconcibidas, por moi correctas que estas poidan parecer. 

Pero, por outra parte, creo na necesidade de que existan organizacións cun ideario do que, en boa medida, participo e de que esas organizacións sexan canto máis fortes mellor. Sería moi inxenuo pensar que as reaccións dun Estado –como as que estamos vendo estes últimos meses, no caso de Cataluña– se poidan discutir ou contrarrestar só con posturas individuais ou con simples sentadas espontáneas nas prazas. Para o que tivese dúbidas, o que está sucedendo ao fío do procés é toda unha lección.

Como se combina entón ese dobre compromiso, quero dicir o de opinar libremente e o de ser fiel a un ideario colectivo? Pois, con dificultades, como en todos os compromisos, nos que sempre existen varias partes. Dificultades como as que tiña Juan Luis Cebrián cando discutía con Felipe González, cando era presidente. Curiosamente, aqueles enfrontamentos, deron pé agora, segundo parece, a unha fraterna amizade.

Como se combina entón ese dobre compromiso, quero dicir o de opinar libremente e o de ser fiel a un ideario colectivo?

 

Probabelmente, porque ambos deixaron de ser o que eran. O primeiro deixou de ser xornalista e o segundo deixou de ser político. Ambos coinciden agora en ser altos cargos de empresa, con pretensión de influír, iso si, pero sen outro compromiso que o do diñeiro.

Creo que o centro do problema, na cuestión que estou a comentar, encóntrase no que entendemos hoxe por vangarda. Vello concepto, demasiado antigo para moitos, pero que sen dúbida subsiste, en case todos os ámbitos, aínda que sexa con outros nomes.

Subsiste pero non da mesma forma. Unha vangarda hoxe, para ser operativa e non testemuñal, non pode estar composta só por unha elite, en boa medida intelectual, e fortemente disciplinada como a que dirixiu pasados movementos revolucionarios. A relación organización-sociedade modificouse, non por un cambio no eixo esquerda-dereita ou moderación-radicalismo, senón, ante todo, polo aumento do nivel de vida e consecuentemente de alfabetización e, tamén consecuentemente, de aplicación das liberdades formais ou individuais.

Unha vangarda hoxe non pode estar composta só por unha elite, en boa medida intelectual, e fortemente disciplinada como a que dirixiu pasados movementos revolucionarios

 

Unha masa analfabeta debería tomar as decisións principais nunha revolución, aínda que a iniciativa partise dunha minoría. Pero dubido que esa masa fose nunca capaz de entrar en matices, por dicilo así. Hoxe en día, sen embargo, os “matices” son importantes. O número de persoas cualificadas é enorme, os medios para debater son abundantes e a profundidade e o número de detalles da discusión resulta incalculábel. Xa non se pode resolver todo con consignas tipo “reforma agraria” ou con propostas tan sucintas como a de “fagamos cooperativas”. Agora fálase de aprobar un novo e detallado plan forestal que múltiples actores sociais, con contradicións entre eles, terían interese en discutir.

É dicir, segue habendo, por suposto xerarquías, o goberno, a oposición, as leis, pero multiplicouse o número de voces. Cos matices e as eivas, algunhas delas importantes, que se queira aducir, pero esta é, en todo caso, unha sociedade moito máis democrática que a de hai trinta ou corenta anos. Non só aquí, senón en case todos os países. Discútese máis, porque tamén hai moito máis que perder e todo está moito máis relacionado.

As organizacións, entón, son necesarias, completamente imprescindíbeis, pero o pensamento intelectual xa non se concibe só dentro delas. O pensamento elabórase de modo máis colectivo, simplemente porque agora é máis posíbel facelo. Aquilo de “todo o poder para os soviets” sería máis factíbel hoxe. A Esquerda Galega, de hai dúas ou tres décadas, insistía moito no concepto de “sociedade civil”, para algúns dun modo un pouco forzado. Hoxe a expresión “sociedade civil” a penas se menciona, simplemente, porque é algo maioritariamente asumido. Os peixes non falan da auga. 

As organizacións, entón, son necesarias, completamente imprescindíbeis, pero o pensamento intelectual xa non se concibe só dentro delas

Esa sociedade civil, desde moitos puntos, de diferentes maneiras e con distintas gradacións, é a que dialoga todos os días coas organizacións políticas. Temos un exemplo próximo, o de Nunca Máis. Aquel movemento naceu e alcanzou a súa dimensión cun gran compoñente de espontaneidade, de impulso masivo, pero foi eficaz e durou na medida en que o nacionalismo puxo ao seu servizo e de modo xeneroso estruturas estábeis e experimentadas.
 

E volvemos ao xornalismo. Ese xornalismo de opinións próximas forma parte dese ensarillado social, desa multiplicidade de voces que se escoitan mutuamente. Nin substitúen as organizacións nin compiten con elas, pero tampouco son un simple eco seu nin unha correa de transmisión. Que a cousa funcione, dependerá obviamente de cómo cada parte desenvolva o seu labor.

Este, e non só o de conseguir apoio económico, será o gran desafío do novo diario galego que se pretende crear.   

Comentarios