Opinión

Camiño do 2024 con Anxo Quintana no retrovisor

Durante a campaña, Antón Losada, ex alto cargo do bipartito e hoxe agudo comentarista, laiábase nun artigo do silencio do BNG sobre o Goberno Quintana, o que segundo el deixaba o nacionalismo como unha proposta sen experiencia de Goberno.

É certo que no BNG de hoxe lémbrase pouco o bipartito. Un par de analistas, indo máis atrás, compararon os resultados cos de 1997. As cifras ofrecen unha imaxe parecida. Tamén existe algunha semellanza entre a ilusión dos tempos de Beiras e a de hoxe. Pero creo que no fondo é unha ilusión distinta e tamén penso que os números poden confundir ás veces as análises.

Postos a comparar creo que é máis necesario lembrar o bipartito, pero sen asumir o relato do PP que aínda o presenta hoxe como o goberno máis nefasto da Galiza contemporánea. Ao PP interésalle obviamente esa visión, pero aos demais non.

En primeiro lugar, quen marcou a especificidade, o substancial e anovador daquel goberno foi o BNG, a pesar de ser a parte minoritaria. Tanto resultou así que algúns lle atribuíron a responsabilidade da política lingüística, a famosa “imposición do galego”, aínda que, en realidade, esa competencia ía incluída nunha Consellaría do PSOE. 

Touriño e Quintana equivocáronse en dúas cuestións. A primeira foi pensar que Galiza xa pasara a páxina do PP, infravalorárono. En segundo lugar, reaccionaron tarde á crise que estalara en 2008. Dicir isto non é dicir nada novo.

Están menos analizados os erros concretos de Quintana. O primeiro deles foi recoñecido por el mesmo. No intento de convencer novos sectores sociais, esqueceu facer pedagoxía dentro da propia organización. Creo que o BNG de hoxe sabe mellor que sen organización non ten garantía ningunha de sobrevivir. As demais forzas que xogan no campo político son adversas, están á expectativa ou resultan doadamente manipulábeis. Se os teus teñen dúbidas convérteste nun coello nunha cazaría. 

O propio quintanismo comezara a modificar os costumes dunha forza que até aquel momento se definía como asemblearia e diversa. Moitos dos seus candidatos facían referencia ao seu equipo, como se o seu equipo non fose toda a organización. Era posíbel sentir neses métodos un certo eco dos utilizados polo PSOE, partido onde cada candidato gañador impón os seus e deixa fóra da dirección todos os que defenden a outra opción, provocando unha especie de “turnismo” interno que debilita o partido e provoca fidelidades cegas. 

Quintana non ocultaba ademais que, para gobernar, a fórmula de partido podía ser máis práctica que a do frontismo clásico, máis observante da pluralidade e polo tanto máis discutidor e máis lento. 

Por último, Quintana tentou rodearse de asesores e técnicos ou expertos. O que parecía lóxico tendo en conta a falta de experiencia no poder e o feito de que a cidadanía mide os gobernos pola súa eficacia e non só polas súas promesas. É dicir, cumpría xente que coñecese os mecanismos e soubese o que se traía entre mans.

Pero iso distanciou persoas antes próximas. Fixo que o goberno perdese apoios e oídos e que se pechase en si mesmo, cando menos nalgúns casos. 

Por último, o quintanismo quizais valorou que a súa política práctica, como a levada no agro ou o apoio a sectores económicos autóctonos, lle permitiría atraer electores que até ese momento se identificaban co PP. Esa análise podía ser correcta, pero Quintana equivocouse ao pensar que se ía tratar dunha muda rápida. A adherencia social ao PP non é tan coxuntural como para debilitarse, de forma perceptíbel, en catro anos. 

Non hai nos dilemas que se acaban de mencionar unha óptica de bos e maos. A política case sempre se resolve entre equilibrios, cuxo axuste máis acertado depende do momento e os momentos non sempre son predicíbeis. 

Outro factor a non desprezar é o da ambición. Non hai política sen unha dose de ambición. Ninguén asume responsabilidades, ás veces custosas, se carece dela. Pero aos que aspiran lexitimamente a algún posto hai que lembrarlles unha frase de Evo Morales: “Non busques cargos. Se traballas ben, os cargos buscarante a ti”. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios