Opinión

O abrazo icónico entre Xosé M. Beiras e Ana Pontón

Oabrazo entre Xosé M. Beiras e Ana Pontón marcará algo máis que o tempo da campaña. Trátase dunha aperta icónica (simbólica, para os nacidos antes dos 80) que chama a atención por razóns evidentes, pero tamén por outros detalles. Beiras podería lembrar o lobo fatigado que volve a casa despois das súas correrías. Pontón, ao pasarlle a man pola cara, fai ver que é ela quen manda. Faino con cariño e sinceridade, pero a Beiras non lle pasa a man pola cara calquera. Pontón deixou proba de carisma nesas imaxes. Na fin de contas, o carisma non é máis que autoconfianza.

Politicamente, polo de agora, ese abrazo traducirase só no apoio de Anova á candidatura do BNG e na disposición dos seus membros a apoiar a campaña de Pontón. Aínda que é de agardar que teña máis consecuencias positivas para o nacionalismo no futuro. Pero tamén se podería entender como o recoñecemento dunha derrota por parte de Anova. 

Velo así, non obstante, mostraría incapacidade para interpretar unha parte da fotografía, porque Ana Pontón non representa, ou non representa só, a maioría que gañou en Amio, senón que é sobre todo a líder dunha nova xeración que está a xerar unha nova síntese política. 

Vexámolo a través dun detalle, en aparencia insignificante. Alguén pensa que Ana Pontón tería escrito, no seu perfil de X, que é nai dunha nena ou que tería presentado a campaña na cociña da súa casa, se antes non tivese acontecido o 15-M, a constitución de Podemos e as Mareas ou a eclosión do feminismo? Para a xeración anterior ese tipo de xestos constituiría unha frivolidade.

A cultura do BNG formouse nas dificultades e no acoso constante e, nesas condicións, mostrarse sensíbel ou fixarse na vida privada era moi parecido a ser débil ou demasiado individualista. Xa o escribira Bertolt Brecht, no seu poema "Aos homes futuros": "Desgraciadamente, nós, / que queriamos preparar o camiño para a amabilidade / non puidemos ser amábeis". 

Non son os homes futuros, aludidos polo poeta, pero si as mulleres, as que dirixen hoxe o BNG. Con ese xiro de guión cumpriuse o que o marxista alemán invocaba. 

Por iso, no abrazo de Beiras e Pontón, está representada tamén a visión de Anova que soubo percibir, hai doce anos, o espírito do cambio de época.

Nas mulleres e no feminismo do BNG está patente ademais o afán perfeccionista do traballo diario. Fronte á retórica abstracta e a conquista dos ceos que tantas veces embebeda os homes, está ese labor pragmático das mulleres, pegado á terra e tantas veces comparado co das formigas.

Esa aperta de Beiras e Pontón reconfortou a moitos. Pero outros moitos dixeron tamén: canto tempo perdido! Sobre todo para un país que o PP mantén desde hai tantos anos á deriva.

De Madrid nunca virán as solucións, dixo tamén estes días a candidata nacionalista. Creo que Beiras, con ese abrazo, estaba a darlle a razón.

Comentarios