Opinión

Unhas horas con Gabriel Rufián

Chegou a Lugo arredor das 19 do venres 11, acompañado do politólogo e periodista Silvio Falcón e de varios amigos. Integrado nun grupo dunhas quince persoas participou nunha visita guiada pola cidade, con acceso á catedral e ao propio museo da mesma. Nun intre pregunteille que sabía desta provincia, respondeu con absoluta sinceridade, nada. Falamos de Feijóo, de se quere ou non ir a Madrid; fun claro na resposta, si. Amais concluín que o coñecemento que o presidente de Galicia ten do rural galego non é maior que o de Rufián, doutro xeito non poderían explicarse as súas políticas de acoso; como exemplo citarei a nova que hai uns días recolleu a prensa da invasión que unha eléctrica pretende perpetrar na granxa Casa Grande de Xanceda, o primeiro produtor ecolóxico de leite en Galicia. 

Neste primeiro contacto Gabriel pareceume algo tímido e amable, interesado polo que se lle contaba; cómodo entre os que o acompañabamos, e moi certeiro na súa primeira pregunta: “Aconselládesme unha chaqueta?”; Si! Foi aí cando xa debeu decatarse de que o temos claro, sabémolo, baixamos!, o mesmo que as temperaturas pola noite en Lugo.

Amais concluín que o coñecemento que o presidente Feixoo ten do rural galego non é maior que o que pode ter gabriel rufián 

O sábado ás once comezou a presentación do seu libro O 15M facha no salón de actos do IES Lucus Augusti, convidado polo Ateneo Galeguista de Lugo. A idea de escribilo xurdiu despois de que un día, camiño do Congreso, nun contexto de pandemia e distopía, se cruzara con catro rapaces que saían dunha obra cubertos de po ata arriba, que lle berraron Rufián cabrón, España es tu nación, e deseguido, Rufián vete a tu país. Esta sorte de oxímoro fíxolle constatar como a mensaxe da ultradereita lograra aniñar entre os traballadores; continuando despois coa apropiación e perversión da palabra liberdade por unha parte da dereita, con abondoso rédito electoral. Na situación actual asistimos a un cambio de paradigma, asegura, no que o Goberno está obrigado a pactar co independentismo de esquerda catalán, vasco e galego; sendo esta unha oportunidade para que a esquerda aporte algunhas solucións aos problemas sociais derivados da precariedade, cando non miseria e exclusión social, enorme desigualdade, pobreza infantil, desafiuzamentos, machismo, etcétera. Esas solucións implican dar liberdade real á xente, non só poder escoller, senón ter os medios para levar a fin esa elección; apuntou á renda mínima, á redución da xornada laboral (traballar menos para traballar todos), á necesidade de producir o necesario porque só temos un planeta e a redistribuílo. Manifestouse inequivocamente republicano, independentista e de esquerdas; establecendo esta relación causa efecto: ser independentista é de primeiro de esquerdas! 

Silvio Falcón xustificou as formas por veces criticadas do portavoz de Esquerra pola necesidade de sacar da zona de conforto a segundo quen, para obrigalo a tratar certos temas que lle incomodan e desexaría evitar; conseguindo así presenza nos medios e un  cambio na axenda política. 

Rematado este acto, e despois dun xantar cos organizadores e algúns convidados, o home que é dunha esquerda que perdeu sempre, marchou sabendo máis de Lugo.

Comentarios