Opinión

Biografías secuestradas (III): Enrique Salgado Torres

Dá nome a unha avenida desde decembro de 1971 e a un Colexio de Educación Infantil e Primaria

Como outros moitos fascistas, colaboradores do franquismo e participantes na represión, ten unha biografía branqueada, que se encargan de difundir significados políticos como Francisco Vázquez, alcalde da Coruña (1983-2006), que definía a Salgado Torres como "el mejor alcalde que tuvo la ciudad, sin que hubiese ejercido como tal" (Carlos Fernández en La Voz de Galicia, 22-2-2009).

O informe elaborado por Ana Romero e Luís Lamela para o Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, a petición do Consello Municipal da Memoria Democrática, incluía documentación sobre importantes referentes fascistas ou franquistas da Coruña, entre eles Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina, Sergio Peñamaría, Calvo Sotelo, Sanjurjo de Carricarte, Álvarez de Sotomayor, etc. O goberno municipal recibiu o informe, asustouse, secuestrouno durante un ano e non executou o acordo do pleno da corporación para difundilo porque non ten vontade política para acabar cos restos do franquismo. Este artigo recoñece o traballo dos historiadores e difunde ese informe.

Enrique Salgado Torres (1913-1991) era fillo do tenente de Seguridade Enrique Salgado Martínez, destinado na Coruña como capitán de Infantería, camarada da Falange Española Tradicionalista y de las JONS, que participou como vogal en varios consellos de guerra na cidade durante a Guerra Civil.

"Camisa Vieja" era militante da Falanxe antes da sublevación do 18 de xullo de 1936

Estudou na Escola Profesional de Comercio da Coruña, que foi a orixe dun numeroso grupo de activistas radicais ultradereitistas que intentaron desestabilizar a República. Esa Escola foi desde os primeiros meses de 1931 o xermolo coruñés das JONS (Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista), despois integrada na Falanxe.

Graduouse en 1930 como profesor mercantil e en 1931 gañaba por oposición unha praza de oficial terceiro na Deputación da Coruña. Fundador das JONS o 2 de maio de 1934. En outubro de 1935 era destinado ao Rexemento Lixeiro nº 16 da Coruña como brigada da escola de complemento de Artillaría. Detido e encarcerado en maio de 1936 con outros dirixentes da Falanxe por provocar desordes públicos e conspirar contra o Goberno da Fronte Popular, 'Camisa Vieja' era militante da Falanxe antes da sublevación do 18 de xullo de 1936.

Enrique participa cos sublevados na fronte de Asturias. O seu irmán Rafael, tamén significado falanxista, "se incorpora voluntariamente a las primeras fuerzas, cooperando con las mismas a la pacificación de la capital y pueblos de la provincia. Pocos días después se hizo cargo de la Jefatura Local de Milicias de esta ciudad, ingresando más tarde en la Academia de Alférez Provisionales en la que alcanzó dicha graduación, saliendo acto seguido al frente de Asturias", segundo recollía un informe da Xefatura Provincial da Falanxe da Coruña.

Rafael Salgado Torres foi concelleiro na corporación da Coruña presidida por José Pérez-Ardá e alcalde de Bergondo de 1948 a 1956.

"El mejor alcalde que tuvo la ciudad, sin que hubiese ejercido como tal", dixo del Francisco Vázquez

A chamada "pacificación" é unha forma de expresar os 600 asasinatos que realizaron os fascistas só na comarca da Coruña. Nesa "pacificación" participaron tamén os irmáns de Enrique: Lorenzo, Rafael, Antonio e José. 

Acabada a Guerra Civil, Enrique Salgado Torres ocupou numerosos cargos no franquismo: Xefe Provincial do SEU (Sindicato Español Universitario), en 1940; participa como relator nos expedientes a mestres e outros ensinantes; Delegado Provincial de FET-JONS (1941) e da Fronte de Xuventudes (1942), a sección xuvenil da Falanxe encargada do adoutrinamento da mocidade, cuxas actividades eran obrigatorias até o punto de multar os pais dos nenos que non acudían.

Delegado Provincial de Sindicatos da Coruña (1946); Director Xeneral do Instituto Nacional da Vivenda (INV); Xefe Nacional da "Obra Sindical del Hogar y de Arquitectura" (1962). Xerente dos servizos do Movemento (1975) e Director Xeneral de Xestión e Financiamento da Seguridade Social (1976).

Xunto co seu irmán Rafael e outros significados falanxistas como Manuel Fraga, figura na "Estructura y miembros del IX Consejo Nacional de Falange Española Tradicionalista y de las JONS", constituído o 20 de maio de 1961 por decreto do "Mando Nacional del Movimiento" do 13-5-1961.

Ten a Medalla de Ouro da Coruña (1963) e é Fillo Predilecto (1975). Dá nome a unha avenida desde decembro de 1971 e a un Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP).

Comentarios