Opinión

Biografías secuestradas (II): José Manuel Liaño Flores

Nado en Monforte de Lemos en 1921, José Manuel Liaño Flores falecía con 100 anos o pasado 5 de maio. Presentado pola biografía oficial como "hombre bueno, amable, bondadoso, ejerció de abogado durante más de 75 años, un caballero, inauguró la presa de Cecebre y la  Ronda de Nelle", que non vou rebater.

Vou falar doutra biografía secuestrada: toda unha vida ao servizo do franquismo. Concelleiro en 1946 co alcalde Eduardo Ozores, que abandona para presentarse ás oposicións a xuíz de instrución. Xuíz comarcal excedente, participa desde moi novo en responsabilidades relacionadas coa ditadura. Vicesecretario de Ordenación Social, Delegado provincial de Sindicatos de Ourense até 1958, recibindo a Encomenda da Orde do Mérito Agrícola. Escribe na revista Cincel da Falanxe de Ourense. Regresa como concelleiro da Coruña en 1964, sendo alcalde Sanjurjo de Carricarte. Xefe dos servizos xurídicos da Delegación Provincial de Sindicatos da Coruña. Tenente alcalde en 1966, deputado provincial até 1967. Alcalde desde o 1 de febreiro de 1976 até decembro de 1978. Procurador das Cortes franquistas de 1967 a 1977 pola representación familiar.

O seu mandato como alcalde estivo marcado por escándalos como a desaparición de documentos do avance do Plan Xeral de Ordenación Urbana e a aprobación do Plan Parcial de Mato Grande co voto de calidade do alcalde. Coa chegada da democracia o goberno municipal que preside Domingos Merino (Unidade Galega) frea a especulación e o poder de catro construtores que controlaban todo. Na Comisión Provincial de Urbanismo conseguiuse cambiar os criterios do Plan de Mato Grande para evitar outra desfeita urbanística como na Agra do Orzán. Fíxose unha investigación sobre a desaparición dos documentos e iniciáronse os traballos para a revisión e adaptación do mesmo.

A xestión da corporación franquista presidida por Liaño Flores e os catro derradeiros meses por Berta Tapia, deixaron a economía do concello en bancarrota. Quince días despois da toma de posesión de Merino, o concello tivo que recorrer a unha operación de tesourería de 373 millóns de pesetas para poder facer fronte aos gastos correntes e pagar a nómina do persoal dese mes. O déficit do orzamento ordinario de 1978 era de 115 millóns de pesetas e había unha débeda de 399 millóns de pesetas.

Entusiasta defensor da figura de Franco, o pleno do 28 de xullo de 1971, que presidía José Pérez-Ardá, aprobaba por unanimidade a proposta de Liaño para que o viaduto da praza de Madrid até Linares Rivas levase o nome de "Viaducto del Generalísimo". Participaba tamén no pleno de 15 de maio de 1972 que aprobaba a concesión da distinción de Fillos Adoptivos da Coruña a ministros da ditadura, franquistas e golpistas: Juan Castañón de Mena, Tomás Garicano Goñi, Laureano López Rodó, Jaime Masaveu Masaveu e Luciano García Machiñena.

Cando falece Franco regresa de Madrid onde asistía á sesión das Cortes e preside o pleno extraordinario da corporación, como alcalde en funcións. Pronunciaba un discurso de exaltación do franquismo, da "Cruzada" e da figura do ditador: "Caudillo victorioso en la guerra y generoso en la paz; de un Jefe del Estado cuyo amor a España y a la Justicia le llevó a entregar cada minuto de su dilatada vida de trabajo a estos afanes. Es una fecha que, además, coincide históricamente, 39 años después, con aquella otra en que José Antonio Primo de Rivera, que fue inmolado en aras de esta paz que disfrutamos, gracias al sacrificio de estos hombres", (La Voz de Galicia, 21-11-1975).

Na inauguración da avenida do Exército na Coruña polos reis Juan Carlos e Sofía o 30 de xullo de 1976, manifestaba: "Galicia ha sido arsenal y despensa de hombres y vituallas, sin recibir nada a cambio, de haber dado incluso un Caudillo excepcional para la historia", (ABC, 30-7-1976).

Dá nome a unha rúa da Coruña e a CRMH propuxo o cambio por Mártires do Portiño (19 persoas foron asasinadas nese lugar cando fuxían do fascismo). Ten un retrato como alcalde. O seu nome está nunha placa no Palacio Municipal de María Pita, que lembra a visita ás casas consistoriais dos reis Juan Carlos e Sofía. Igualmente, a súa imaxe aparece cos reis nun baixorrelevo de madeira, que recolle esa visita.

Comentarios