Opinión

A trampa da retroalimentación dos inimigos

Que un dos mellores servizos de intelixencia do mundo non fose quen de se decatar da preparación dun ataque militar de Hamas contra as áreas limítrofes de Israel, desperta moitas sospeitas, máxime cando o escenario que crea favorece en gran medida a Netanyahu, moi contestado pola povoación israelí. Outra cousa é que se esperase unha incursión de menos entidade, facilmente controlábel, aínda que se pretendese aproveitar para escenificar unha situación excepcional para tomar decisións que permitisen paralizar a conflitividade interna e, ao mesmo tempo, levar adiante medidas moi fortes contra un Hamás cada vez máis atrevido e cunha importante base social.

A rapidez coa que respondeu os Estados Unidos desprazando portaavións, o feito de que seica Exipto informou a Israel dos preparativos dunha operación de Hamás, etc. poden ser desmentidos, mais encadran mellor coa realidade, e amosan ate que punto tanto USA como Israel, e o propio “occidente” ten gravado no seu imaxinario que son o centro do mundo, cun papel determinante para a humanidade.

Sen lugar a dúbidas a situación nos territorios palestinos, especialmente en Gaza, é represiva, dunha precariedade e pobreza social que son ferintes, son campos de concentración, de terror, e a responsabilidade do Governo israelí é total. Un modo de proceder que é posíbel polo apoio e pasividade de Estados Unidos e as potencias aliadas, o chamado “occidente”. Mesmo neste contexto de violencia política auspiciada polo estado non xustifica o asasinato de centos de persoas que participaban dun festival por parte de Hamás, ou de civís que viven no territorio conquistado polas  milicias, e de utilizalos como reféns con fins políticos.

Esta actitude de violencia extrema sen limites non é unha cuestión relixiosa, vexase o xeito de axer totalmente distinto que ten Hezbola. Trátase de infundir terror, competindo neste terríbel aspecto con Israel e potencias como os Estados Unidos (lembremos os centos de milleiros de mortos en Iraq por mor dos bombardeos indiscriminados...). Non se pode aceptar, nen pasar por alto... tampouco ignorar os antecedentes.

Mesmo marcando diferencias e distancias, condenando estas accións de Hamás, o esencial é que Israel, apoiado por Estados Unidos e outras potencias e países, nega ao povo palestino a posibilidade de vivir con normalidade no seu país e dos seus antergos, ignorando as resolucións das Nacións Unidas. Non existe o máis mínimo respecto por millóns de persoas asoballadas, reprimidas, en situación de total precariedade. E hoxe, nunha primeira fase, bombardeada masivamente e despois obrigada a abandonar gran parte da cidade (no que parece ser só unha primeira manobra do exército... Para un desaloxo definitivo de palestinos/as?...). Non se pode responsabilizar ás vítimas, ao povo palestino, das salvaxadas dunha minoría, que ademais colle pulo como alternativa por mor das vexacións constantes do invasor, que as anteceden e logo se retroalimentan mutuamente.

Por último, sobre os posíbeis escenarios nas vindeiras semanas, preguntábase Putin hai uns días se: a chegada de dous portaavións estadounidenses non tiña a finalidade de ameazar a Iran, e mesmo realizar algunha acción ofensiva contra ese país?... Semella que tamén para facer de paraugas dos ataques israelís a Líbano e Siria. Por outra banda hai que ter en consideración que non é tan doado cercar e tomar unha cidade de máis de dous millóns de habitantes como Gaza, máxime se está destruída polos bombardeos (daquela que se eliminasen os subministros esenciais, como auga, alimentos e luz, e a esixencia á ONU para que evacúe un millón de persoas da cidade, para illar a Hamás).

En principio Israel fala de dividir a franxa en dúas partes. Tampouco se pode obviar que se o número de persoas mortas, feridas e desprazadas é moi grande, as repercusións entre a minoría árabe en Israel e no resto do mundo abrirá feridas, que non poden ser tapadas co xenocidio nazi. Mesmo pode provocar un levantamento dentro de Israel e unha extensión do conflito.

Ademais do dito, e isto ten moita importancia, hoxe moitos países musulmáns son verdadeiras potencias, ben sexa pola produción de enerxía, a densidade demográfica, e mesmo a súa fortaleza militar (Iran, Turquía, Exipto, Paquistán, Indonesia,...) e algúns deles, para alén dos limítrofes con Israel (Líbano e Siria) xa manifestaron súa intención de enviar armas á resistencia palestina. Ou sexa, non estamos a finais do século pasado, así o amosa a creación dos BRICS, a guerra na Ucraína, a importancia de China, etc. Por soberbia imperialista, prepotencia e falta de interese pola negociación, o mundo multipolar pode estar dando un novo paso por mor do conflito Israelí-palestino, para alén do seu resultado militar na Franxa de Gaza.