Opinión

Os suevos e o Reino da Galiza

Cando un povo ignora a súa historia hipoteca unha boa parte do seu futuro, porque perde ensinanzas, valores, e liberdade. A nación galega ten unha rica historia, ateigada de feitos heroicos e tamén de derrotas, como todos os demais povos. E sexan máis as unhas que outras non fai a unha nación, a unha lingua e a unha cultura, peor ou mellor, descartábel ou necesaria. Todas son parte esencial da diversidade e riqueza da humanidade. Escribo encol disto porque aínda hoxe, malia os dereitos formais, hai que vencer mil atrancos e actos reflexos de séculos de dependencia para tratar a nosa historia como algo normal e non como unha excepcionalidade.

Indo ao tema. Hai agora 1.600 anos (entre o 409-411) a tribo xermánica do suevos chegou á Gallaecia despois de asinar un acordo co Imperio Romano, un “foedus”, polo que recibían terras nos tres conventos atlánticos (Braga, Lugo e Astorga). Os vándalos asdingos ocuparon a Gallaecia interior (Castela a Vella) e os alanos e vándalos silingos a Lusitania. De vagar os suevos fóronse facendo donos do territorio vencendo ou integrándose coas xentes do lugar, a confrontación máis destacábel entre as xentes invasoras e nativas foi en Lugo no ano 460.

Porén, para alén da cronoloxía de feitos, hai que salientar cambios cualitativos orixinados pola súa presenza que marcaron a historia do noso país. Os suevos constituíron un reino que durou até a conquista dos visigodos no ano 585. É sería o primeiro que xorde despois da caída do Imperio Romano de Occidente. Da súa pronta autonomía de Roma non existe dúbida xa que Requiario, neto de Hermerico, que os comandaba ao chegar, acuña moeda na que nunha das caras figura o emperador romano, mais na outra está escrita a lenda “IVSSV RECHIA REGES”. Polo que resulta evidente que posuía o metal necesario para garantir o seu valor e un enorme grao de soberanía.

Malia que o reino estivo exposto a ataques dos vándalos, nos primeiros anos, e de visigodos posteriormente, estabilizouse no territorio que abranguía os tres conventos iniciais e parte da Lusitania, até o río Texo á altura de Santarém. Esta expansión territorial é un antecedente importante a termos en conta na loita posterior contra a invasión árabe na península, así como ao avance cara o sur do idioma galego-portugués. Na etapa sueva chegaron as costas galegas bretóns que viñan fuxindo da Gran Bretaña das invasións de saxóns, anglos, xutos e frisios. Fundaron un bispado en Britonia (na actual Santa Maria de Bretoña, no concello da Pastoriza). Razón pola que no concilio de Braga de 561 asistiu un bispo chamado Meliosus, e ao do ano 572 na mesma cidade participaría Maeloc, como representante deste bispado da mariña luguesa.

Os concilios ían para alén do debate exclusivamente litúrxico, xa que o clero tiña tamén funcións administrativas, como amosa o feito de que foran convocados e participasen os reis suevos. Tamén houbo un concilio en Lugo no ano 569. Estes encontros foron os que fixaron as dioceses e parroquias no territorio, seguindo o modelo bizantino (seica por influencia de Martiño de Dumio). Foi un enorme paso adiante na organización da Galiza histórica, un século antes que o realizado polos visigodos, considerado este último como a base de España. Asemade, nos concilios da Gallaecia tomáronse medidas contra os priscilianistas e o paganismo que estaban moi estendidos no país (como destaca Idacio), e iniciativas educativas e de estudo.

O Reino da Gallaecia, e especialmente seu carácter diferencial, non desaparece coa conquista visigoda. A Crónica Blicarense expresa nos seguintes termos a celebración do III Concilio de Toledo (589): “no ano IV do rei Recaredo reuniuse o Sínodo dos bispos de toda España, Galia e Galiza”. O Papa Gregorio Magno, elixido como tal no ano 590, nunha carta dirixida ao mesmo rei faino como “rei dos godos e dos suevos”. Malia que a historiografía dominante quere facer ver que España, como concepto político, xa abranguía dun xeito unitario o actual territorio na época visigoda, os textos demostran que non era deste xeito, e que a Gallaecia mantivo o seu carácter diferencial. Unha característica que reforzou o Reino fundado polos suevos. Esta visión diferenciada que existe da Galiza respecto de España mantense no tempo, así o historiador magrebí de Fez, IBN Idari informa que Al-Muzaffar (1045-1063) acordou con Fernando rei dos galegos a entrega de cinco mil dinares desde o comezo da tregua”. Evidentemente refírese a Fernando I que agora a historiografía denomina exclusivamente como Rei de Castela e León.

Comentarios