Opinión

Só transformando o sistema acadarase paz e progreso

As análises reflicten no futuro próximo un aumento da inflación, a caída do PIB, o medre da conflitividade entre potencias, e unha desigualdade crecente no reparto dos ingresos entre clases sociais, en practicamente todos os países do mundo. Son prognósticos que deixan reflicten unha tendencia preocupante polo que implica de aumento das contradicións (tamén nuclear, aínda que sexa parcial?). Dende as clases dirixentes, das potencias hexemónicas, botáselle a culpa á guerra Rusia e a Ucraína (+OTAN), algúns engaden as sancións impostas ao país eslavo pola invasión, mais en realidade, como antes a pandemia do covid-19 o que fixo este conflito na periferia máis próxima foi deixar en evidencia o esgotamento do capitalismo (potenciando as diverxencias).

E, o máis preocupante, é que as potencias occidentais, deixando de lado súas diverxencias secundarias, teñen un interese común en manter o mesmo sistema das últimas décadas, polo papel privilexiado que xogaban na cadea produtiva, máxime con este grao de globalización neoliberal, eso si, freando o papel cada vez máis relevante de China e outras potencias emerxentes. E como esta contradición non a deron resolto pola vía económica e financeira, de control da comunicación, e da súa expansión militar no mundo, optaron pola folla de ruta de bloquear e afogar a Rusia, despois de facelo con Cuba, Iran, Venezuela e outras nacións nas últimas décadas, para illar asi a China,  reverter a tendencia actual e volvela a poñer ao servizo exclusivo das potencias hexemónicas.

Mais, o conflito que xa era armado na periferia (Iraq, Siria, Libia, etc) atinxe agora á área máis próxima do centro do sistema, coa guerra entre Rusia e Ucraína (+OTAN) sen que ningunha das dúas partes poda ceder, polo que implica en todos os ámbitos, e a contradición de intereses a nivel mundial. Un triunfo das potencias occidentais e aliados significaría volver á década dos noventa do século pasado. A derrota da Ucraína implica unha reconfiguración do equilibrio de forzas, un avance do multilateralismo, e un retroceso cualitativo e cuantitativo do papel que xogan na cadea de valor os Estados Unidos, a Unión Europea, Reino Unido, Xapón, Corea do Sur, Canada, Australia, etc. Daquela que ningunha das partes queira ceder, que Suecia e Finlandia asuman un maior compromiso cun sistema no que están plenamente integrados (e non lles vai mal), e sexan cada vez máis as potencias rexionais e nacións que se afastan da disputa, colocándose no medio, resistindo as presión do imperialismo dos Estados Unidos e socios.

O lóxico sería aceptar a proposta que fan China e outras potencias, e reformar as Nacións Unidas, crear un sistema de seguridade global, onde todas as nacións, grandes e pequenas teñan garantida a súa soberanía, cunhas relacións comerciais xustas, uns medios de comunicación plurais, etc. En fin: xustiza social, soberanía, paz, solidariedade, diversidade cultural e lingüística en pe de igualdade... Non semella que este sexa o camiño polo que aposta Estados Unidos, abonda con escoitar a Biden, nen a Unión Europea, tendo en consideración que Borrell olla como única saída a militar. Daquela que o máis factíbel é que este conflito armado, no que a Ucraína é a carne de canon, coa colaboración de Zelenski e do neofascismo militante, remate con este país dividido de feito (co Dombáss e a zona costeira, ou a maior parte dela, formando unha República ou unida a Rusia). Evitando Moscova a ocupación de zonas nas que existe un gran rexeitamento da povoación. Deste xeito enfrontaría un problema fronteirizo evitando un longo e desgastante dun conflito armado “interno”. Será esta a razón pola que é tan medido o exército ruso nos seus avances, en limitar a utilización de recursos militares, para alén dos aéreos, mísiles, bombardeos a distancia?

Neste escenario o seguinte paso semella que será a división do mundo en dous grandes bloques, con non poucos países xogando no medio como non alienados (repetindo a Guerra Fría), e coa probabilidade de que Rusia coloque armamento nuclear fóra do seu territorio (Cuba? Venezuela? Siria?...) para equilibrar forzas e riscos, contestando así o cerco por parte das potencias occidentais (a extensión da OTAN a Suecia e Finlandia...). Estenderase o armamento nuclear ao espazo exterior o risco que iso implica?... Agora ben, Rusia invadiu a Ucraína, mais quen a orixinou e potenciou esta crise e ten nas súas mans darlle solución é os Estados Unidos e seus aliados. Falamos dun cambio de sistema, ou cando menos dunha forte reforma. Crises que por certo son cada vez máis fortes e seguidas.

Por último salientar que a división, debilidade e falta de iniciativa da esquerda non axuda respecto deste conflito, dos pasos a dar para o cambio, porque deixa orfa de dirección unha ampla resposta de masas, necesaria para alentar e forzar as negociacións, para avanzar na desmilitarización e garantir unha saída pacifica. Acentúo este aspecto porque é evidente que ningunha das potencias, tanto hexemónicas como emerxentes, ofrece un sistema transformador no económico e social. Aínda que tampouco se pode obviar que o papel que cumpren non é igual, por exemplo respecto do carácter imperialista (abonda con ver o número de bases exteriores, a moeda de reserva, etc), ou na privatización dos medios de produción. Repito isto, para que non haxa dúbidas, aínda que esta cuestión non se trata neste artigo.

Comentarios