Opinión

O sindicalismo combativo 

Antes da queda do socialismo real non había dúbidas de que o sindicalismo combativo agrupábase na Federación Sindical Mundial (FSM), en contraposición coas internacionais sindicais que xogaban dentro do sistema, que non cuestionaban o capitalismo, como a socialdemócrata CIOLS e a social-cristián CMT. Nos vinte e cinco anos transcorridos, abandonaron a FSM moitos dos sindicatos afiliados, especialmente en Europa, que era un dos seus principais celeiros.

Antes da queda do socialismo real non había dúbidas de que o sindicalismo combativo agrupábase na Federación Sindical Mundial (FSM), en contraposición coas internacionais sindicais que xogaban dentro do sistema, que non cuestionaban o capitalismo, como a socialdemócrata CIOLS e a social-cristián CMT. Nos vinte e cinco anos transcorridos, abandonaron a FSM moitos dos sindicatos afiliados, especialmente en Europa, que era un dos seus principais celeiros. Máis alá das razóns para esta abandono, que foron moi variadas, o certo é que esta andaina debilitou o movemento obreiro, especialmente no vello continente. O nacemento da Confederación Sindical Internacional (como consecuencia da unión entre a CIOLS e CMT) acelerou este proceso, aínda que a pretensión fose outra, porque a cuestión non era de número senón de obxectivos e folla de ruta. Tanto a CIOLS como a CMT coincidían no fundamental, espellismo de que o capitalismo era reformábel en beneficio da clase traballadora. Daquela que non sexa casual a súa submisión aos obxectivos imperialistas demostrada en Libia, Palestina, Siria, Venezuela e outros países.

"Tanto a CIOLS como a CMT coincidían no fundamental, espellismo de que o capitalismo era reformábel en beneficio da clase traballadora".

A FSM ficou moi debilitada despois do Congreso de Damasco en 1994, no que participei en representación da INTG-CIG. Comezouse a recuperar a partir do Congreso da Habana, no ano 2005, ao que tamén asistín como parte da delegación da CIG, e no que se abriu a todas as organizacións que se quixesen incorporar sen ter en consideración o seu ámbito territorial e dimensión. De vagar a Federación Sindical Mundial, sen o apoio de recursos externos importantes (como os que recibe a CSI por parte da Unión Europea e doutras potencias), foi gañando forza alí onde o sindicalismo é coherente, mesmo confrontando a represión máis dura. Como exemplo desta liña combativa quero expoñer tres casos de actualidade, centrados na América Latina, e que os medios de comunicación hexemónicos ignoran.

En México Miguel Guerra Castillo, secretario xeral do CEND-SNTE, e membro da dirección da Federación Internacional de Sindicatos do Ensino (integrante da FSM), foi detido despois de participar nunha rolda de prensa, no Estado de Puebla, logo de importantes protestas contra a reforma educativa de Peña Nieto freada pola loita dos traballadores/as. 

"Igual de ilustrativa é a detención en condicións denigrantes dende maio, por razóns políticas, de Julia Amparo Lotan, vicepresidenta da FSM"

No Paraguai, o 27 de xullo comezou o proceso contra campesiños/as acusados pola masacre de Curuguaty. Lembremos que o suceso foi consecuencia da ocupación de terras polo Movemento Agrario do Paraguai, cuxo desaloxo pola policía deixou 17 persoas mortas. Días despois produciuse o Golpe de Estado, que destituíu ao presidente Lugo. Durante o ano 2014 visitaron por este motivo Paraguai o secretario xeral da FSM, o grego, George Mavrikos, e o secretario xeral adxunto, o peruano, Valetin Pacho, comprobando a arbitrariedade do proceso e para manifestar a solidariedade con estes presos políticos. 

Igual de ilustrativa é a detención en condicións denigrantes dende maio, por razóns políticas, de Julia Amparo Lotan, vicepresidenta da FSM e secretaria xeral do sindicato UNSITRAGUA (Unión Sindical de Traballadores de Guatemala). Esta dirixente foi detida porque, na súa condición de representante dos/as traballadores, resistiuse á violación da autonomía do IGSS (Instituto Guatemalteco de Seguridade Social), por parte do presidente da república, o xeneral Otto Pérez Molina, quen impuxo un militar como presidente do IGSS. 

Por último, quero facer unha mención á folga xeral de 24 horas que se realizou no Uruguai o pasado xoves 6 de agosto, porque reflicte a importancia do binomio dialéctico entre unidade e debate no seo da esquerda, da que podemos tirar ensinanzas para etapas de goberno de forzas amigas; unha folga que foi convocada pola central única PIT-CNT. Esta central non está integrada en ningunha internacional, como a CIG, aínda que ten sindicatos adheridos á FSM, como tamén acontece con varias federacións da central nacionalista galega. 

"A central sindical única do Uruguai, que fai campaña nas eleccións políticas a prol da Fronte Ampla, non por iso renuncia a manter unha liña reivindicativa autónoma do Governo" 

A folga xeral no Uruguai foi convocada para alertar o Governo da Fronte Ampla, que o “plano de contención” que prepara amparándose nas previsións dun menor crecemento do PIB, non se pode realizar a costa dos salarios. A medida de forza dáse como paso previo á reunión do Consello Superior de Salarios, un organismo tripartito (traballadores/as – patronal - governo). A proposta do PIT-CNT é a de recuperar o IPC e garantir o crecemento dos salarios. A outra reivindicación destacada desta folga é manifestar a oposición ao tratado de libre comercio de servizos (TISA), que se está a negociar en segredo entre 50 países, cunha cláusula que non permitiría coñecer o seu contido exacto ate pasados varios anos, coa finalidade de evitar as reclamacións e desalentar a protesta. O secretario xeral do PIT-CNT, Marcelo Abdala, valoraba a participación no paro nun millón de traballadoras/es, e que a mobilización foi a mellor preparada dende o ano 1985. Pola súa banda, o presidente da central, Fernando Pereira, afirmaba que non se ía asinar ningún convenio, nen público nen privado, que non contemplase a actualización anual dos salarios. 

A central sindical única do Uruguai, que fai campaña nas eleccións políticas a prol da Fronte Ampla, non por iso renuncia a manter unha liña reivindicativa autónoma do Governo, realizando paros e mobilizacións cando considera que as propostas que emanan do Executivo non son as mellores para a clase traballadora. Un xeito de entender a unidade e o debate que se amosou correcto, xa que mantén a confrontación cos intereses patronais e da dereita, e ademais empurra o Governo para contrarrestar a presión do bloque económico dominante. Un xeito de axer que contribuíu a aumentar a afiliación sindical e a participación da clase traballadora nas mobilizacións, como se ten reflectido nesta folga xeral. E, asemade, permitiulle á central conservar a súa autonomía sen debilitar a presencia de forzas amigas nas institucións, malia as contradicións puntuais. Do proceso político no Uruguai, especialmente da relación sindicato/partido/fronte e de como resolver as contradicións no seo do povo, hai moito que aprender, ou cando menos que analizar. 

http://manuelmera.blogaliza.org/