Opinión

Resultados agridoces e acordos complexos

Sen dúbida é un dato positivo para o nacionalismo galego e outras forzas soberanistas do Estado, así como para os partidos de esquerda e progresistas, que o bloque da dereita, o PP+Vox, non acadasen os deputados/as necesarios como para formar Goberno, dado que implicaría unha involución en dereitos democráticos e sociais que hoxe son básicos. Agora ben, non se pode obviar que o marco político no seu conxunto, aínda que permita formar un goberno de "progreso", en principio fortalece aspectos regresivos que non se poden ignorar. Por exemplo que o PP terá maioría no Senado, e que nas pasadas eleccións autonómicas e municipais superou claramente ao PSOE, ou sexa: á versión "progresista" do sistema (con todo o que isto último implica).

Ao anterior cómpre engadir o control pola dereita do poder xudicial, e o apoio dos principais medios de comunicación ás opcións políticas e propostas máis conservadoras. E, no aspecto exterior, malia o avance económico e político do papel da chamada periferia, resulta evidente que a Unión Europea está inmersa nunha grave crise, como consecuencia do carácter senil do capitalismo, a actitude subalterna respecto dos Estados Unidos, e seguir apostando por manter unha lóxica subimperialista especialmente respecto de América Latina e África. En poucas palabras, a nova lexislatura, estará marcada por un maior peso da oposición de dereitas, medidas de contención de gasto público e aumento das partidas dedicadas a defensa impostas por unha Unión Europea, que está dirixida por unha Comisión nomeada a dedo e cada vez máis afastada da sociedade.

O nacionalismo democrático e popular galego, como xa ten confirmado, vai ser un muro para evitar que goberne a dereita

Agora ben, este axuste económico e político na UE, como sempre ten dúas saídas posíbeis. Unha, a do gran capital, que sempre quere reducir en gastos sociais e o sector público, para manter e mesmo aumentar a taxa de beneficios. E así o farán os partidos sistémicos seguindo as directrices de Bruxelas, para que os custes da crise os pague a clase traballadora e territorios máis dependentes. A outra, aumentar a presión fiscal sobre as grandes empresas e fortunas (que medraron como nunca en beneficios durante esta etapa), dignificar os salarios, fortalecer os servizos e subvencións públicas, e priorizar as políticas que reduzan as diferenzas entre territorios na cadea de valor (por exemplo de Galiza respecto de Madrid).

Neste último aspecto é esencial que o reparto do gasto sexa o máis xusto e solidario entre territorios. Por exemplo nos orzamentos para infraestruturas, a potenciación da actividade industrial, e outros investimentos (formación, investigación, dependencia, sanidade, ensino, etc.). Respecto de Galiza e outras nacionalidades dependentes no Estado español é de suma importancia que se aumenten e blinden as competencias transferidas e que se avance nas relacións de igualdade. Mesmo neste escenario tan complexo tampouco se debería renunciar, e cando menos poñelo inicialmente na mesa de debate, todo o referente ao dereito á plena soberanía (referendo de autodeterminación, confederación, república; ou sexa, todo aquilo que democratice o Estado español e recoñeza seu carácter plurinacional).

En resumo, o nacionalismo democrático e popular galego, como xa ten confirmado, vai ser un muro para evitar que goberne a dereita, mais sabendo que se trata dunha opción que representa o mal menor. Daquela que sexa necesario clarificar coincidencias e diferencias e premer na rúa e nas institucións para que se cumpran os acordos co PSOE (como xa pasou na anterior lexislatura), e para impoñer outros avances que son necesarios. Tamén para amosar a oposición frontal coas políticas do Goberno que apostan pola guerra na Ucraína, que entregan o Sáhara occidental á colonización marroquí... Trátase de obxectivos e correlación de forzas, da que existe nas institucións e da que se debe activar e organizar na sociedade. A participación e protagonismo consciente do pobo é fundamental para lograr hoxe avances laborais, sociais e democráticos, e gañar no futuro un maior peso nas institucións para conquistar a hexemonía social e política.